lunes, 16 de julio de 2018

SUBVENCIÓNS PROGRAMAS DE INSERCIÓN LABORAL DIRIXIDAS A MULLERES EN SITUACIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para os anos 2018 e 2019, subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta, en moitas ocasións, a ruptura da situación de violencia.

Entidades beneficiarias
Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta resolución; de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

miércoles, 11 de julio de 2018

AXUDAS PARA INVESTIMENTO NA MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS E EQUIPAMENTO DAS ESCOLAS INFANTÍS DEPENDENTES DE ENTIDADES PRIVADAS DE INICIATIVA SOCIAL SEN ÁNIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamentos precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento BS403F). Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2018.

Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que a/s escola/s para a/s que solicita/n a axuda cumpra/n os seguintes requisitos:

a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.

b) Aplicar unha tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos previsto na normativa autonómica aplicable.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos Estruturais e de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto.

2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

SUBVENCIÓN PARA A ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTOS DEPORTIVOS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos que se recollen no anexo II, Relación de equipamento (código de procedemento PR949A).

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras os clubs deportivos galegos, as sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas.

Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.