lunes, 28 de agosto de 2017

BOLSAS PARA PERSOAS COLABORADORAS NA RESIDENCIA DO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA




Obxecto
Establecer, mediante o procedemento con código PR952B, as bases reguladoras e proceder á convocatoria de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade. Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, a fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.
Os beneficiarios das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte e durante o curso escolar 2017/18.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das bolsas para persoal de apoio no CGTD todas aquelas persoas que cumpran os requisitos detallados a seguir:
a) Ter entre 19 e 30 anos no momento en que se publica a convocatoria.
b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.
c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou un ciclo formativo.
d) Non ser beneficiario dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.
e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015 do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e a adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.
f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario:
– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.
– Que pasase polo menos 1 ano desde que remataron a súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.
Prazo de presentación
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.


viernes, 25 de agosto de 2017

PROGRAMA DE CONTRATACIÓN E FORMACIÓN DE PERSOAS MOZAS NOS SECTORES VINVULADOS Á INDUSTRIA 4.0 E AO SECTOR AGROALIMENTARIO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a experiencia piloto dun programa de contratación xuvenil nos sectores de actividade vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario.
Por medio desta convocatoria, as empresas que soliciten participar nesta experiencia piloto terán a posibilidade de obter axudas para a formación e contratación por conta allea de persoas mozas como parte deste programa piloto de contratación xuvenil.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias, por medio desta experiencia piloto, as empresas pertencentes aos sectores da Industria 4.0 e agroalimentario que estean interesadas en colaborar coa dita experiencia para acollerse a unha liña de axuda de contratación e formación no mesmo posto de traballo. A conformidade de participación manifestarase na mesma solicitude. Estas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, deben contar con centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.
As solicitudes de participación neste programa piloto, así como os bonos de contratación e formación, deberanse presentar no prazo dun mes desde a data de formalización do contrato.
O prazo de presentación rematará o 15 de decembro 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

AXUDAS PARA AMPLIAR A REDUCIÓN DAS COTAS DA SEGURIDADE SOCIAL PARA A CONSOLIDACIÓN DO TRABALLO AUTÓNOMO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerán as axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que estean ou estivesen acollidas aos incentivos e medidas de fomento e promoción do traballo autónomo do parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, que establece que a cota por continxencias comúns, incluída a incapacidade temporal, das persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que causen alta inicial ou que non estivesen en situación de alta nos cinco anos inmediatamente anteriores, contados desde a data de efectos da alta, no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, se reducirá á contía de 50 euros mensuais durante os 6 meses inmediatamente seguintes á data de efectos da alta, no caso de que opten por cotizar pola base mínima que lles corresponda.
2. Mediante a presente axuda, a través do procedemento TR341P, permitirase que a persoa traballadora por conta propia goce das reducións indicadas no parágrafo anterior durante un máximo de 6 meses adicionais aos primeiros 6 meses, completando así un máximo de 12 meses de redución, tomando como referencia a cotización pola base mínima establecida con carácter xeral e o tipo mínimo de cotización, vixentes no mes en que se producise a alta da persoa traballadora autónoma.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, que estean ou estivesen acollidos aos incentivos e medidas de fomento e promoción do traballo autónomo do parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, segundo modificación efectuada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, desde a súa alta inicial ata o sexto mes desde a dita alta.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2017.

viernes, 18 de agosto de 2017

SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROGRAMAS DE INSERCIÓN LABORAL DIRIXIDOS A MULLERES EN SITUACIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA




 Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para os anos 2017 e 2018 subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.
Entidades beneficiarias
Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución, e de xeito particular deben cumprir os seguintes requisitos:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

CONVOCATORIA CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSOS PREPARATORIOS PARA OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para acadar os certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2017/18, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos I e II, respectivamente.
Os cursos impartiranse entre setembro de 2017 e maio de 2018, en horario de mañá ou de tarde.
Persoas beneficiarias dos cursos
a) Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, non entendendo por tales os empregados públicos da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.
Toda persoa solicitante deberase encontrar en situación de servizo activo, permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento, ou ben en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar; e aquela que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.
Para acceder ao curso medio de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.
Para acceder ao curso superior de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos nos parágrafos anteriores. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso.
b) Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.
 Solicitudes e prazos de inscrición
As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas correspondente unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
Con respecto aos cursos Celga, só se poderá facer unha solicitude de inscrición por cuadrimestre con tres preferencias priorizadas de grupos. Con respecto aos cursos de linguaxe administrativa galega, só se poderá facer unha solicitude de inscrición por cuadrimestre con dúas preferencias priorizadas de grupos e poderanse incluír na mesma solicitude cursos das dúas modalidades (presencial e en liña). En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, o/a alumno/a deberá optar por un só curso nunha soa escola.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.
O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o día 1 ata o 10 de setembro de 2017, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro); e desde o 2 ata o 11 de xaneiro de 2018, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).
A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.
As dúbidas, as dificultades técnicas e mais as solicitudes de información serán atendidas a través do correo electrónico asesoria.eoi@edu.xunta.gal e do teléfono 981 54 65 11.