lunes, 16 de junio de 2025

PROGRAMA DE BENESTAR EN BALNEARIOS E DE AXUDAS PARA O ANO 2025

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 6 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de dez días en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 (código de procedemento BS607A), así como das correspondentes axudas en especie e proceder á súa convocatoria.

Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 aquelas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 anos ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e atoparse en condicións de participar no programa.
d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin enfermidades transmisibles que supoñan risco de contaxio.
e) Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación necesaria que lle permita acceder a algunha das prazas e quendas solicitadas.
g) Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:
a) O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa con que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a).
b) Un fillo ou filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a).
c) Calquera outra persoa con que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.
3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.