lunes, 16 de junio de 2025

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE RODAXES AUDIOVISUAIS EN GALICIA 2025

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207G).

Finalidade
A finalidade desta convocatoria é estimular e impulsar a execución de rodaxes audiovisuais en Galicia para, por un lado, fomentar a cadea de valor da industria do sector audiovisual galego co obxectivo de mellorar a súa competitividade, o crecemento sustentable, o mantemento do emprego de calidade das empresas e por outro, situar Galicia como escenario de rodaxes audiovisuais de nivel internacional.

Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1, e cun centro de traballo ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos polo menos por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos sete días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 1 de outubro de 2025.