miércoles, 4 de junio de 2025

PRAZAS E BOLSAS NAS RESIDENCIAS XUVENÍS DEPENDENTES DA CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE.

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 21 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases para a concesión de prazas e de bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en réxime de concorrencia competitiva, para o curso académico que se indique na correspondente convocatoria. Deste xeito, póñense as residencias xuvenís ao servizo das persoas mozas que, por razóns de estudos ou traballo, se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.
2. As modalidades de adxudicación de prazas establecidas nesta orde regularanse a través dos seguintes procedementos:
a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para estudantes.
b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.
c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.

Prazas que se convocarán por procedemento e residencias
1. As residencias que entran no ámbito de aplicación destas bases reguladoras son:
a) Centro Residencial Xuvenil (Lugo).
b) Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas (Ourense).
c) Residencia Xuvenil Altamar (Vigo).
2. O número de prazas residenciais convocadas e a súa distribución por residencias e procedemento serán os que se determine en cada unha das convocatorias que se publiquen para tal efecto.
Para o caso de que non se cubran todas as prazas reservadas para persoas que desenvolvan unha actividade profesional (BS303D) ou para persoas estudantes colaboradoras bolseiras (BS303C) coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a persoas estudantes non bolseiras (BS303B) de acordo co previsto no artigo 16.
3. Do total de prazas, resérvanse 2 prazas en cada residencia para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen e/ou para persoas mozas con expediente de protección aberto. A distribución de prazas por residencia para esta reserva establecerase nas correspondentes convocatorias.
Ademais, na residencia Altamar de Vigo resérvanse 2 prazas para persoas con discapacidade, adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
A consellería poderá acordar a reserva de prazas con base na subscrición dos correspondentes convenios ou acordos con outras consellerías, administracións ou entidades. Esta reserva indicarase nas convocatorias correspondentes.
Para o caso de que non se cubran todas as prazas de reserva que figuran nesta epígrafe coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes sumaranse ás ofertadas no número 1 para persoas estudantes non bolseiras (BS303B).

Período de estadía
1. O período máximo de estadía na residencia xuvenil de todas as persoas residentes será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para cada curso académico, coa excepción dos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa. En todo caso, as persoas residentes deberán abandonar as residencias, como prazo máximo, o 31 de xullo do curso académico.
2. Todas as persoas residentes que teñan a condición de estudantes, colaboradoras bolseiras ou non, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia xuvenil, en todo caso, coincidindo co plan de estudos correspondente ao curso académico no cal estivesen matriculadas, respectando sempre o período máximo antes indicado. A súa estadía nunca concluirá con posterioridade á data en que rematen os estudos desenvolvidos.
3. En calquera caso, as persoas residentes deberán iniciar a súa estadía na residencia xuvenil como data límite o 31 de outubro do ano de publicación da convocatoria correspondente ao curso académico en cuestión, coa excepción do suposto de adxudicación de prazas vacantes que se cubran de acordo cos criterios establecidos no artigo 12.

Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se incluirán como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Se o último día do prazo de presentación de solicitudes for inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.
Se no mes de vencemento non houbese dia equivalente a aquel en que comezou o cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Para resolver as dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no enderezo electrónico 012@xunta.gal