martes, 16 de mayo de 2023

PREMIOS ÁNGELA RUIZ ROBLES Á EXCELENCIA ACADÉMICA PARA O ALUMNADO DE GRAO UNIVERSITARIO OFICIAL 2023

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 25 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria dos premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica para o alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2021/22 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar os premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica para o alumnado de grao do curso académico 2021/22 no Sistema universitario de Galicia.

Persoas destinatarias
1. Os premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2021/22 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
2. Concederase un premio por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao, agás no derradeiro curso, e en cada un dos centros en que se impartan.
Para o alumnado dos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos ditos programas
No suposto de que o/a alumno/a estea matriculado/a en materias de varios cursos, segundo o programa de estudos, entenderase, para os efectos desta orde, que o curso polo que opta ao premio será aquel en que estea matriculado/a de máis créditos. Se número de créditos é o mesmo, interpretarase que opta ao premio polo curso superior.

Dotación do premio
1. Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.100 euros e un diploma acreditativo desta distinción.
2. No caso de existir remanente de crédito, as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 puntos recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezando polos expedientes con maior nota media.

Procedemento para a determinación dos premios
1. Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.
2. O órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia deberá:
a) Publicar na páxina web da universidade a relación provisional do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos nesta convocatoria.
b) As persoas interesadas disporán dun prazo de 5 días desde a súa publicación para efectuar as súas reclamacións ante o órgano que publica en cada unha das universidades.
c) A universidade correspondente, unha vez resoltas as reclamacións formuladas, publicará na súa páxina web a relación definitiva do alumnado proposto para o premio.
Nesa publicación informarase que a dita relación será remitida á Secretaría Xeral de Universidades para que, xunto coas listaxes definitivas das outras universidades, sexa publicada na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal
Así mesmo, indicarase que, desde a publicación da listaxe definitiva das tres universidades na web da dita consellería, o alumnado proposto terá que manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades, no prazo de 10 días, utilizando para iso o anexo II desta orde. Advírtese de que, de non a presentar nese prazo, se entenderá que renuncia ao premio.
d) A proposta de cada universidade remitirase á Secretaría Xeral de Universidades mediante a certificación incluída como anexo I desta orde, na cal constan os datos correspondentes ás persoas coa nota media máis alta en cada un dos cursos dos plans de estudos oficiais de grao de cada centro, así como dos programas de simultaneidade de grao.
e) A proposta presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para remitila será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A Secretaría Xeral de Universidades, unha vez recibidas as propostas das universidades do Sistema universitario de Galicia, publicará na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal unha única listaxe co alumnado proposto.
As persoas propostas para o premio deberán manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de 10 días, segundo o indicado no punto 2.c) deste artigo.
A aceptación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).