viernes, 3 de junio de 2022

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE PROGRAMACIÓN MUSICAL NA REDE GALEGA DE MUSICA AO VIVO

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT302D).

Finalidade
Establecer as bases da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, coa finalidade de contribuír á promoción da actividade musical, fornecendo a Rede galega de música ao vivo (RGMV) e contribuíndo ao desenvolvemento ordinario da programación das salas no anos 2022 e 2023.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas ou agrupacións de entidades privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao espazo económico europeo, propietarios, ou posuidores de calquera título válido en dereito, de espazos de exhibición musical privados, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente, coa correspondente licenza ou permiso municipal, para organizar espectáculos musicais en directo con público, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será de tres meses desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Malia o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade a que se publicase no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Agadic, www.agadic.gal.