CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE
Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación, nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade, dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023 (código de procedemento BS420C).
2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.
3. Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extras á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.
4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
5. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.
Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Xuventude, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estaren debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas teña as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude.
2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e, en todo caso, finalizará o 30 de novembro de 2022.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.