viernes, 10 de junio de 2022

AXUDAS PARA A MELLORA DA CAPACIDADE DE INNOVACIÓN DAS EMPRESAS EN GALICIA

 AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN848F).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes), mediante bonos de innovación, código de procedemento IN848F:
– Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación e o coñecemento, transferencia tecnolóxica, comercialización e que permitan o desenvolvemento de novos produtos e servizos ou mellora da competitividade empresarial.
– Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas á:
Tipo A. Tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i.
Tipo B. Solicitude de financiamento a proxectos ou actuacións de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva; as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido na normativa europea do réxime de minimis, Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda. Cada unha das liñas que compoñen esta axuda vai dirixa ás seguintes entidades:

Bonos                                                                        Beneficiarios

Liña 1. Servizos de apoio á innovación                    Microempresas e pequenas empresas
Liña 2. Xestión do financiamento da innovación     Microempresas, pequenas e medianas empresas

2. Quedan excluídos da presente convocatoria e non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:
a) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.3 desta convocatoria.
A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.
b) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) As pemes vinculadas ou asociadas e/ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, nos seguintes casos:
• Que fosen beneficiarias doutras convocatorias do programa Innovapeme nas condicións do punto 2 deste artigo.
• Que sexan beneficiarias simultaneamente na presente convocatoria nunha mesma liña. Neste caso, as pemes beneficiarias deberán determinar cal é o expediente que continúa no procedemento.
d) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
e) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
f) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
3. De xeito específico, quedan excluídas:
a) Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación:
• As microempresas e pequenas empresas, que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2017 (Resolución do 27 de novembro de 2017, DOG núm. 232, do 7 de decembro), do ano 2019 (Resolucións do 29 de xullo de 2019, DOG núm. 153, do 13 de agosto e Resolución do 29 de outubro de 2019, DOG núm. 226, do 27 de novembro), do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020, DOG núm. 196, do 20 de setembro) e no ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021, DOG núm. 203, do 21 de outubro).
• As microempresas e pequenas empresas que, no momento da publicación desta resolución, inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009 algunha das seguintes:
– Sección J: información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática; e 63: servizos de información.
b) Para a liña 2, bonos para a xestión do financiamento da I+D+i:
• As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020, DOG núm. 196, do 20 de setembro) e no ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021, DOG núm. 203, do 21 de outubro).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.