CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
ObxectoEsta orde ten por obxecto realizar unha segunda convocatoria de axudas do Programa I de custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356A) reguladas na dita Orde do 31 de decembro.
A través deste programa subvencionánselles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social que teñan contratacións mínimas de 6 meses.
Entidades beneficiarias
1. Poden ser beneficiarias das axudas deste programa, de acordo co establecido no artigo 6 das bases reguladoras aprobadas pola dita Orde do 31 de decembro de 2020:
– As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras para as axudas do Programa I.
– Aquelas empresas que na data de presentación da solicitude da axuda teñan solicitado a súa cualificación como empresa de inserción laboral, de conformidade co Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, e a Orde do 6 de maio de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e o funcionamento do seu rexistro administrativo. Non obstante, non se poderá pagar a axuda mentres non obteñan a dita cualificación.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de setembro de 2021. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021.
A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 8 de novembro de 2021.