viernes, 27 de noviembre de 2020

PROGRAMA I MICROEMPRESAS, DE MANTEMENTO DO EMPREGO E A ACTIVIDADE ECONÓMICA DAS MICROEMPRESAS DE GALICIA MÁIS AFECTADAS POLA COVID-19 E DO PROGRAMA II HOSTALARIA, DE APOIO AO SECTOR DA HOSTALARÍA 2020

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 (TR400B), e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR400C), e se procede á súa convocatoria para 2020.

Programa I (código de procedemento TR400B).

Obxecto
Este programa ten por obxecto apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, microempresas e, excepcionalmente, as pemes que desenvolven a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados pola COVID-19.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
1. As persoas ou entidades beneficiarias serán as persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica e, excepcionalmente, as pemes, sempre desenvolvan a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados. As persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir todos e cada un destes requisitos:
– Que teñan domicilio fiscal en Galicia.
– Que teñan ou tivesen autorizado un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) pola COVID-19 desde a declaración do estado de alarma.
– Que a facturación baixase polo menos o 45 % no ano 2020, realizándose unha comparación entre o facturado en todo o ano 2019 e os tres primeiros trimestres do ano 2020.
2. Entenderase como actividade especialmente paralizada:
a) En todo caso o lecer nocturno.
Son negocios de lecer nocturno aqueles con establecementos de discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, incluiranse os negocios con establecemento de salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no punto III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan, consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.
Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.
Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.
b) Aquelas actividades económicas que se desenvolvan no ámbito das atraccións de feiras e que se trate de actividades en que non existe establecemento aberto ao público e que pertenzan aos seguintes CNAE: 4724, 4729, 4781, 4782, 4789, 5610, 5629, 5630 e 9200.
c) Os negocios encadrados nos seguintes CNAE:
CNAE 4932: Transporte por taxi.
CNAE 5010: Transporte marítimo de pasaxeiros.
CNAE 5030: Transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores.
CNAE 5621: Provisión de comidas preparadas para eventos.
CNAE 5914: Actividades de exhibición cinematográfica.
CNAE 7911: Actividades das axencias de viaxes.
CNAE 7912: Actividades dos operadores turísticos.
CNAE 7990: Outros servizos de reservas e actividades relacionadas con eles.
CNAE 8230: Organización de convencións e feiras de mostras.
CNAE 9001: Artes escénicas.
CNAE 9002: Actividades auxiliares ás artes escénicas.
CNAE 9004: Xestión de salas de espectáculos.
CNAE 9321: Actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos.
CNAE 9329: Outras actividades recreativas e de entretemento.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

Programa II (código de procedemento TR400C).

Obxecto
Este programa ten por obxecto apoiar as persoas traballadoras autónomas persoa física ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, pemes calquera que sexa a súa forma xurídica e que pertenzan ao sector da hostalaría e que se vexan afectadas polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as persoas traballadoras autónomas persoa física, ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, pemes do sector de hostalaría, tamén se consideran dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos que cumpran estes requisitos:
– Ter domicilio fiscal en Galicia.
– Estar afectado polos supostos de peche do establecemento ou de peche perimetral do concello en que se sitúen os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, ditados pola autoridade sanitaria da Xunta de Galicia nas ordes que se relacionan:
– Orde da Consellería de Sanidade do 7 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Valdeorras e Verín, na provincia de Ourense (DOG núm. 203-Bis, do 7 de outubro).
– Orde da Consellería de Sanidade do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 223-Bis, do 4 de novembro).
– Orde da Consellería de Sanidade do 8 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 230-Bis, do 13 de novembro).
– Orde da Consellería de Sanidade do 13 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 230-Bis, do 13 de novembro).
Ou en calquera outra orde ou disposición ditada pola autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia ata o remate do prazo de solicitudes.
– Ter pechada a actividade durante un mínimo de dúas semanas. Entenderase que está afectada polo peche aquela actividade económica que non permita o consumo dos clientes dentro do establecemento ou nas súas terrazas.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.