miércoles, 18 de noviembre de 2020

PROGRAMA DE RESCATE DAS PERSOAS AUTONOMAS AFECTADAS POLA CRISE DA COVID-19

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas afectadas pola crise da COVID-19 financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR400A).


Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas, para facer fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19 que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego. O prazo de execución da convocatoria vai desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2020.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no Réxime de Traballadores do Mar como traballadores por conta propia e que teñan o domicilio fiscal en Galicia e que teñan recoñecido o cesamento ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego (BOE núm. 259, do 30 de setembro).
2. Para as axudas previstas no artigo 7.1.b) as persoas traballadoras autónomas que, ademais de cumprir o requisito sinalado no parágrafo anterior, deberán estar encadradas nos sectores cuxa actividade estivese especialmente paralizada.
Entenderase como actividade especialmente paralizada:
a) En todo caso o lecer nocturno. Son negocios de lecer nocturno aqueles con establecementos de discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, incluiranse os negocios con establecemento de salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida na epígrafe III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan, consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.
Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.
Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.
b) Aquelas actividades económicas que se desenvolvan no ámbito das atraccións de feira e que se trate de actividades en que non existe establecemento aberto ao público e que pertenzan aos seguintes CNAES: 4724, 4729, 4781, 4782, 4789, 5610, 5629, 5630 e 9200.
c) Os negocios encadrados nos seguintes CNAES:
CNAE 4932: transporte por taxi.
CNAE 5010: transporte marítimo de pasaxeiros.
CNAE 5030: transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores.
CNAE 5621: provisión de comidas preparadas para eventos.
CNAE 5914: actividades de exhibición cinematográfica.
CNAE 7911: actividades das axencias de viaxes.
CNAE 7912: actividades dos operadores turísticos.
CNAE 7990: outros servizos de reservas e actividades relacionadas con eles.
CNAE 8230: organización de convencións e feiras de mostras.
CNAE 9001: artes escénicas.
CNAE 9002: actividades auxiliares ás artes escénicas.
CNAE 9004: xestión de salas de espectáculos.
CNAE 9321: actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos.
CNAE 9329: outras actividades recreativas e de entretemento.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia que establece un período mínimo dun mes, ou ben ata o esgotamento do crédito. De acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase no Diario Oficial de Galicia o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.