AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto
A finalidade dos premios é recoñecer o labor de persoas e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, alcanzando con iso altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos, nacionais como internacionais.
Así mesmo, trátase de recoñecer aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e ás empresas que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como como motor de innovación e competitividade.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias dos Premios Galegos de Innovación e Deseño as persoas físicas e as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da categoría a que concorran, deberán posuír as seguintes características:
a) Premios Galegos de Innovación:
– Categoría «Traxectoria Innovadora»: empresarios e profesionais cunha traxectoria de polo menos dez anos en que a innovación fose unha das súas características relevantes.
– Categoría «Grande Empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.
– Categoría «Pequena e Mediana Empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.
b) Premios Galegos de Deseño:
Premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do sector do deseño galego.
– Categoría «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de polo menos dez anos de recoñecido prestixio no sector.
– Categoría «Empresas»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.
– Categoría «Mozos/as Deseñadores/as»: dirixido a aqueles creadores, cunha idade que non exceda os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura, e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.