martes, 3 de marzo de 2020

PROGRAMA DE ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN EMPRESARIAL

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a convocatoria de 50 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Beneficiarios
Os solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1990.
2. Posuír a nacionalidade española e nacido en Galicia, ser nacido en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.
3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:
a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Marketing e Dirección Comercial, Marketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.
b) Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.
c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de master en Comercio Internacional.
4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).
5. Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.
6. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 para ser considerado beneficiario de subvencións.
7. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade ou lles fose determinado un incumprimento total.
8. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
9. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.