jueves, 5 de marzo de 2020

BOLSAS PARA A REALIZACIÓN DE PRÁCTICAS FORMATIVAS EN EMPRESAS DO SECTOR TIC (BOLSAS DIGITALENT)

AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA


Obxecto
Esta convocatoria ten por obxecto a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas bolseiras para a realización de prácticas formativas nas empresas do sector TIC do programa de bolsas DigiTalent, no marco do Plan DigiTalent (código de procedemento PR607A).
Estas prácticas formativas están orientadas a estudantes universitarios/as das tres universidades públicas de Galicia que teñan máis do 75 % e menos do 100 % de créditos aprobados e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4. As persoas bolseiras realizarán as prácticas formativas en empresas do sector TIC por un período de 3 meses.

Persoas beneficiarias
Poderán presentar solicitude para acollerse ao programa de bolsas aqueles estudantes que cumpran os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:
• Estar matriculado no curso 2019/20 nunha das tres universidades públicas da nosa comunidade autónoma, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao.
• Ser menor de 31 anos.
• Non ter desfrutado doutra beca de formación de Feuga para estudantes universitarios, por período superior a 9 meses.
• Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
• Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado/a beneficiario/a de subvencións.
• Ter aprobados, na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes, máis do 75 % e menos do 100 % dos créditos dalgunha titulación universitaria de grao nalgunha das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), nas áreas de coñecemento seguintes:
– Artes e Humanidades: grao en Información e Documentación, grao en Filosofía, etc.
– Ciencias: Física, Química, Matemáticas, Bioloxía, etc.
– Ciencias da Saúde: grao en Medicina, grao en Psicoloxía, etc.
– Ciencias Sociais e Xurídicas: grao en Administración e Dirección de Empresas, grao en Economía, grao en Consultoría e Xestión da Información, etc.
– Enxeñaría e Arquitectura.
• Non ter sido beneficiario dunha bolsa da Xunta de Galicia ou da Amtega co mesmo obxecto da convocada. Exceptúanse aqueles supostos en que, por razón non imputables ao beneficiario, non puidese desfrutar da bolsa concedida.
• Os/as interesados/as deberán estar rexistrados no portal de bolsas Feuga, no enderezo da internet www.becasfeuga.es, ter cubertos correctamente os datos de perfil e currículo e achegar a documentación requirida no punto quinto.
Para calquera consulta relacionada, os/as interesados/as poden dirixirse ao número de teléfono da Feuga (981 53 41 80) así como obter información adicional sobre o programa de bolsas DigiTalent na páxina web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
As persoas interesadas presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a súa candidatura ás oportunidades ofertadas polas empresas TIC seleccionadas como entidades colaboradoras do programa de bolsas DigiTalent publicadas no portal de bolsas Feuga a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (formulario normalizado que figura no anexo I desta resolución).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou memoria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para calquera consulta relacionada os/as interesados/as poden dirixirse ao número de teléfono da Feuga (981 53 41 80) así como obter información adicional sobre o programa de bolsas DigiTalent na páxina web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.