AXENCIA TURISMO DE GALICIA
Obxecto
O obxecto das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional dos/das bolseiros/as mediante a realización de prácticas formativas de especialización en mercados turísticos emisores nas oficinas de Turespaña situadas nas cidades de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles e São Paulo, con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.
Persoas beneficiarias
Bolsas de formación práctica especializada en mercados emisores, en réxime de concorrencia competitiva, nas cidades de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles e São Paulo (cinco bolsas). Os solicitantes deberán estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes dun grao universitario ou titulación homologada equivalente (calquera). As titulacións deben estar finalizadas nos catro anos naturais inmediatamente anteriores ao remate do prazo de presentación das solicitudes da convocatoria. Os solicitantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
As persoas beneficiarias deberán acreditar o dominio oral e escrito da lingua oficial do país de destino:
– Acreditarase cun certificado B2 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas para os destinos de Londres, Berlín, Os Ánxeles e París.
– Acreditarase cun certificado B1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas para o destino de São Paulo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.