viernes, 13 de enero de 2017

AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS.

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


 Obxecto
1. Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais), a excepción dos referidos no artigo 5 das bases reguladoras. Os investimentos destinados a biomasa e outros produtos forestais distintos da madeira só serán subvencionables cando estes produtos teñan a súa orixe e se recollan no monte. No caso de produtos forestais alimentarios, poderanse subvencionar unicamente investimentos de recolla e manexo no monte. Os investimentos subvencionables deben ser novos e non se poden iniciar antes de presentar a solicitude de axuda nin antes de que se realice a inspección comprobatoria a que se fai referencia no artigo 12 das bases reguladoras.
Poderá ser obxecto de axuda a implementación de plans empresariais con criterios de xestión forestal sustentable e as cadeas de custodia dos sistemas de certificación forestal, excluída a adquisición de maquinaria.
2. Estas axudas serán compatibles con outras que non teñan fondos da Unión Europea ata un máximo de axuda global do 50 % do custo do investimento.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes) do sector forestal radicadas en Galicia. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. Deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento dun mínimo do 70 % do importe deste.
2. Vendas por importe superior ó triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
3. Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
4. Contratos de venda ou de prestación de servizos por importe superior ao investimento.
5. Estudo de viabilidade asinado por un profesional cualificado.
b) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este e unha declaración xurada do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.
c) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais.
d) Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na data do fin do prazo de solicitude. As empresas con instalacións fixas deberán estar inscritas no Rexistro Industrial na anterior data.
e) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao final do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas axudas inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se for o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.
f) Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Conforme este regulamento, unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
1. Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
2. Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
3. Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia a pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida no punto 3º.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria; a veracidade desta declaración comprobarase nos controis sobre o terreo que se realicen.
g) Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
h) Deberán estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
4. Así mesmo, as persoas beneficiarias deben cumprir os seguintes requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Non incorrer nalgunha das circunstancias seguintes:
b) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
c) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
d) Ter dado lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
e) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.
h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo esta lei ou a Lei xeral tributaria.
i) Non poderán acceder á condición de persoas beneficiarias as agrupacións previstas no segundo parágrafo do número 3 do artigo 8 da Lei 9/2007 cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
j) En ningún caso poderán obter a condición de beneficiarias as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.
k) Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por térense atopado indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, en tanto non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será de corenta e cinco días, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.