miércoles, 18 de enero de 2017

BASES REGULADORAS DAS AXUDAS QUE SE TRAMITEN AO ABEIRO DA MEDIDA LEADER

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL


Obxecto
O obxecto destas bases reguladoras é establecer as regras para a concesión e xustificación das axudas encadrables na submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a Estratexia de desenvolvemento local participativo) do PDR de Galicia 2014-2020 que se tramiten en réxime de concorrencia competitiva, a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) seleccionados como entidades colaboradoras de Agader na xestión da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020.
Tamén é obxecto destas bases reguladoras establecer o réxime de xustificación dos gastos en custos correntes e de funcionamento da Estratexia de desenvolvemento local (submedida 19.4A do PDR), así como establecer as bases reguladoras para a concesión e xustificación dos proxectos de animación promovidos polos GDR (submedida 19.4B do PDR).
O capítulo VII destas bases reguladoras (fichas de elixibilidade) detalla polo miúdo as especificidades propias de cada tipoloxía de operacións financiables.

Beneficiarios
1. Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nas fichas de elixibilidade incluídas no capítulo VII destas bases, poderán ser beneficiarios das axudas tramitadas ao abeiro deste réxime de axudas:
a) As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.
b) As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.
c) As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.
2. Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter
sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
c) Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea:
1º. Empregar menos de 50 persoas.
2º. Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non supere os 10 millóns
de euros.
Para a definición de empresa, así como para o seu cálculo dos efectivos e importes financeiros, tomarase en consideración o disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014
De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para os beneficiarios das axudas a proxectos non produtivos que sexan elixibles ao abeiro do disposto no capítulo VII destas bases (fichas de elixibilidade).
d) Cumprir os demais requisitos que, en función da tipoloxía de proxectos, se especifican nas fichas de elixibilidade do capítulo VII destas bases.
3. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención, terán igualmente a consideración de beneficiarios da subvención, polo que tamén deberán cumprir e acreditar os requisitos exixidos para cada tipo de beneficiario.
4. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia.
Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
Tampouco poderán ser beneficiarias de axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operen no sector da pesca, da acuicultura e/ou da transformación e comercialización de produtos pesqueiros.