lunes, 29 de diciembre de 2014

PROGRAMA DE BOLSAS FORMATIVAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS DE MELLORA DAS PEMES GALEGAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto: O obxecto destas axudas é a concesión do número de bolsas indicado na resolución de convocatoria para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, segundo o Plan formativo do anexo III destas bases, coa finalidade de formar a titulados universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa, entre outros:
• Optimización financeira/mellora do circulante.
• Profesionalización da produción.
• Relanzamento comercial.
• Xestión por procesos.
• Imaxe e comunicación empresarial.
• Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.
• Desenvolvemento de plans de acción.
• Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.
• Innovación na empresa.
• Desenvolvemento do capital humano.
• Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.
• Asesoramento integral ao proceso emprendedor.
Os titulados incorporaranse en primeiro lugar a un itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa e a continuación realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape en proxectos de mellora de pequenas e medianas empresas, apoio ao emprendedor ou proxectos colaborativos de asociacións ou clústers empresariais, período durante o que recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.
Requisitos dos solicitantes
Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:
4.1. Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
4.2. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
4.3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Economía, Dereito, Bioloxía/Biotecnoloxía e Farmacia. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
4.4. Non ter concedida mediante resolución ou ter desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape, así como non estar desfrutando durante o proceso de selección dunha bolsa no Igape concedida a través doutras institucións.
4.5. Non ter desfrutado doutra bolsa concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
4.6. Non ter desempeñado con anterioridade ningún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.
4.7. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.
4.8. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 10 de febreiro de 2015.