lunes, 29 de diciembre de 2014

AXUDAS PARA NOVOS EMPRENDEDORES

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Proxectos obxecto de apoio
1.1. Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:
a) Que non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Que presenten un custo subvencionable superior a 25.000 € e non superior a 150.000 €, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 150.000€, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.
c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
1.2. Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a 42 meses ou teña unha participación igual ou superior ao 25 % noutra sociedade mercantil.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, nas cales non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e cumpran as seguintes condicións:
1. Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:
a) O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia na data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando da documentación e datos que consten no expediente se observe que se produce continuidade empresarial por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.
b) A participación no capital da empresa de persoas físicas ou xurídicas que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude non poderá exceder conxuntamente o 49 %. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20 % no capital e sen outra actividade económica por conta propia na data de solicitude deberá ter unha dedicación plena ao proxecto e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou, no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda, desde o día da dita solicitude) e ata o fin do período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.
2. Antigüidade na actividade empresarial:
i) No caso dos autónomos, a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda, desde o día da dita solicitude).
ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.
3. Contribución financeira exenta de axudas públicas:
Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 25 % do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
4. Actividades:
4.1. Están excluídas das axudas as seguintes actividades, segundo o Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño):
a) As actividades nos sectores da pesca e da acuicultura regulamentadas polo Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os Regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e se derroga o Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.
b) As actividades do sector da produción agrícola primaria.
c) As actividades do sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas.
d) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
4.2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes e de hoteis de dúas estrelas ou superiores.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 2 de febreiro de 2015.