INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto: Estas bases teñen como obxectivo final facilitar ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados poñendo ao seu alcance axudas para a contratación de profesionais especialistas en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a especialización de cadros de persoal e facilitar o acceso ao mercado laboral dos profesionais.
Beneficiarios
4.1. Poderán ser beneficiarios deste programa de axudas as sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), sexan ou non pemes, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, que teñan como proxecto iniciar ou consolidar a internacionalización da propia empresa solicitante.
4.2. Os solicitantes que non teñan experiencia exportadora previa terán que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape a partir de 2012. Os solicitantes que teñan un diagnóstico realizado a través de programas de Igape anterior a 2012 deben actualizar a súa información, e os solicitantes que non dispoñan do diagnóstico pero teñan experiencia exportadora previa, deberán acreditar a dita experiencia exportadora que deberá ser validada polo Igape.
A solicitude do diagnóstico, así como a actualización da información do diagnóstico anterior a 2012 ou a validación da experiencia exportadora deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda (a través do procedemento do Igape IG192 - Prestación de servizos: diagnósticos de internacionalización).
4.3. Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 3 de febreiro de 2015.
No caso de que en virtude das solicitudes presentadas e resoltas favorablemente se esgote o crédito orzamentario, poderase pechar anticipadamente a convocatoria. O esgotamento do crédito e a non admisión de solicitudes posteriores publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape.