martes, 25 de marzo de 2014

SUBVENCIÓN PARA GARANTIR O ACCESO A INTERNET DE BANDA LARGA VÍA SATÉLITE

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL


Obxecto: A presente resolución ten por obxecto:
a) Convocar para o ano 2014, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, de acordo coas bases reguladoras establecidas mediante Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio. Corrección de erros, DOG nº 95, do 21 de maio).
b) Aprobar os formularios para xestionar esta convocatoria, que se xuntan a esta resolución como anexo I, para solicitantes de axuda, e como anexos II e III para entidades colaboradoras.
Beneficiarios.
1º. As actuacións deberán levarse a cabo no territorio de Galicia, exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
2º. Os beneficiarios (persoas físicas ou pemes) deberán, ademais, reunir as seguintes condicións:
– Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Non dispoñer de cobertura de banda larga de calidade de, polo menos, 2Mbps en sentido rede-usuario mediante outra tecnoloxía.
– Solicitar a axuda para a instalación da nova conexión no enderezo de residencia ou, no caso dunha empresa, domicilio fiscal.
– Manter o novo contrato de conexión á internet por un período mínimo de doce meses, contado desde a data de alta no servizo.
– Non ter sido beneficiario doutra subvención para o mesmo obxecto.
– Tramitar a solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas por Agader en procedemento público e aberto.
3º. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.
4º. Igualmente, non poderán ser beneficiarias das axudas as empresas exceptuadas do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/3013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e mais do Regulamento (UE) nº 1408/3013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da agricultura.
Entidades colaboradoras.
1º. Poderán obter a condición de entidades colaboradoras, nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos, deben ter a condición de operadores de telecomunicacións, que oferten servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 4 das bases reguladoras (Resolución do 29 de abril de 2013. DOG nº 89, do 10 de maio. Corrección de erros, DOG nº 95, do 21 de maio), e acreditar os seguintes requisitos:
1. Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionada co desenvolvemento do tipo de actividades recollidas nesta resolución.
2. Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no rexistro público de operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT).
3. Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga a través de satélite ao público en xeral.
4. Existencia de sede e/ou puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se poidan desenvolver as actividades recollidas neste réxime de axudas.
5. Dispoñibilidade e emprego de certificado electrónico de usuario así como de sinatura electrónica avanzada por parte do representante legal da entidade e por parte do interlocutor único que designe a entidade colaboradora.
2º. Non poderán obter a condición de entidades colaboradoras aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Esta circunstancia acreditarase mediante a oportuna declaración responsable contida no anexo II.
Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa.
a) As empresas colaboradoras seleccionadas ao abeiro da Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio) e recollidas nas resolucións do 16 de xullo e do 13 de setembro de 2013 (DOG nº 140, do 24 de xullo, e DOG nº 185, do 27 de setembro) continúan tendo a calidade de entidades colaboradoras, segundo o convenio subscrito con cada unha delas, e o prazo de presentación de solicitudes a través delas comezará ao día seguinte da entrada en vigor da presente convocatoria.
b) O prazo inicial para que novas entidades presenten as solicitudes para a obtención da calidade de entidades colaboradoras é dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, sen prexuízo do disposto no artigo 7.b) das bases reguladoras recollidas no anexo II da Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio).
O prazo para presentar as solicitudes de axuda a través destas novas entidades colaboradoras comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas.
c) O prazo de presentación de solicitudes de axuda a través das entidades colaboradoras remata o 30 de agosto de 2014.
d) O prazo para que as entidades colaboradoras presenten a documentación xustificativa dos gastos subvencionados remata o 31 de outubro de 2014.