jueves, 15 de enero de 2015

BOLSAS DE FORMACION DE PATRIMONIO MOBLE GALEGO

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


 Obxecto e finalidade
1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria do programa 2015 de bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego en museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
2. O persoal bolseiro realizará a súa actividade en diversos museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Serán tutelados, dirixidos e coordenados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
4. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica que será impartida por persoal técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas bolsas os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
1. a) Solicitantes de bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble:
– Licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o espazo europeo de educación superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación:
• Historia ou Antropoloxía.
• Historia da Arte.
• Arqueoloxía.
b) Solicitantes de bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia:
– Diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de:
• Arqueoloxía.
• Pintura ou Escultura.
2. Acreditar dominio da lingua galega nivel iniciación mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.
3. Non gozar con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas dun período de tempo igual ou superior a vinte e catro meses (24) en bolsas das convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para inventario, catalogación e restauración de fondos de patrimonio moble.
4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.
5. Non ser sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a formación en materia de patrimonio moble galego.
6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude para unha bolsa como máximo.
Prazo de solicitude: ata o 16 de febreiro de 2015.

AXUDAS PARA INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS E FORESTAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da convocatoria de subvencións da Consellería do Medio Rural e do Mar para os investimentos en mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios e forestais cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) correspondentes ao exercicio orzamentario de 2015.
A concesión destas axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.
Beneficiarios
1. Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, e as súas agrupacións, que teñan unha actividade económica, sexan titulares das instalacións obxecto de axuda, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables. As corporacións locais non poderán ser beneficiarias destas axudas.
2. Os beneficiarios das axudas clasificaranse segundo as seguintes categorías de empresas:
– Microempresa, pequena empresa ou mediana empresa (pemes), tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124, do 20.5.2003).
– Empresas intermedias, sendo estas as empresas non pemes que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.
3. As empresas beneficiarias deberán estar incluídas nalgún dos grupos sinalados a continuación, establecidos en función da actividade das empresas, e da normativa comunitaria aplicable.
A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:
A.1) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso, a normativa comunitaria de aplicación será exclusivamente a que regula o Feader.
A.2) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso, a normativa comunitaria de aplicación será a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de estado, e en particular o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro) referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.
B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira:
– Microempresas: neste caso a normativa comunitaria de aplicación será a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de estado e en particular o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro) referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.
Prazo de solicitude: ata o 16 de febreiro de 2015.

miércoles, 14 de enero de 2015

AXUDAS PARA CONSTITUIR E INICIAR ACTIVIDADES DE SOCIEDADES DE FOMENTO FORESTAL

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2015 as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) mediante convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva.
Liñas obxecto de axuda
De acordo co disposto nas bases reguladoras, as liñas obxecto de axuda son:
a) Liña 1 de axudas para constituír Sofor, sexa con inscrición previa ou con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.
b) Liña 2 de axudas para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.
beneficiarios
1. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 1:
a) As agrupacións de persoas propietarias forestais constituídas formalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.
b) Outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.
c) As Sofor con inscrición previa no rexistro (RSofor) para conseguir a súa inscrición definitiva, sempre que non obtivesen subvención para a súa inscrición previa.
2. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 2 as Sofor con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal (RSofor).
3. Os mesmos terreos non poderán presentarse en máis dunha solicitude, o que será motivo de inadmisión de todas as solicitudes que se presenten sobre terreos coincidentes.
4. Independentemente do solicitante, o beneficiario final das axudas, tanto para a liña 1 como para a liña 2, será a sociedade de fomento forestal (Sofor) inscrita no RSofor.
5. Para obter a condición de beneficiario, deberán cumprirse os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Solicitantes e beneficiarios deberán acreditar calquera outro requisito exixido nas bases reguladoras.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de marzo de 2015.

BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE INDEMNIZACIÓNS POLO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE GANDO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR



Obxecto: O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2015 (procedemento MR553C).
Beneficiarios
1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas que sexan titulares:
a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.
b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.
d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.
e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.
f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.
g) De animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.
h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita control e erradicación de cada enfermidade.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

AXUDAS PARA EMPRESAS DE APROVEITAMENTOS FORESTAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación e mellora de empresas de aproveitamentos forestais que sexan pemes pero non teñan a condición de microempresa e proceder á súa convocatoria para o ano 2015 en réxime de concorrencia competitiva.
2. Estas axudas ampáranse no Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro Programa de desenvolvemento rural sostible para o período 2010-2014, en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, así como no artigo 14, axudas rexionais ao investimento, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.06.2014, L187/1), excepto as axudas aos conceptos indicados no artigo 2.2.b)2º que se ampararán no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
Beneficiarios
Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser peme (pequena e mediana empresa) do sector forestal radicada en Galicia e non ter a condición de microempresa. Tomarase a definición de microempresa ou peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede 43 millóns de euros, pequenas empresas son aquelas empresas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros e microempresas son aquelas empresas que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
b) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe deste.
– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
– Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
– Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.
– Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.
c) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este) e unha declaración xurada do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.
d) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.
e) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación abondará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.
f) Non poderán ser beneficiarios aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
g) A súa razón social deberá estar establecida nalgún concello das zonas rurais indicadas no anexo III.
Prazo de solicitude: ata o 14 de febreiro de 2015.

martes, 13 de enero de 2015

SUBVENCIÓNS A ASOCIACIÓNS DE COMERCIANTES PARA A DINAMIZACIÓN DOS CENTROSCOMERCIAIS ABERTOS E PRAZAS DE ABASTOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto: Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria destinadas ao desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.
 Así mesmo, por medio desta orde convócase a dita subvención para o ano 2015.
Beneficiarios
Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, á cal se xuntarán os documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.
Prazo de solicitude: ata o 13 de febreiro de 2015.

SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DOS SECTORES DE INDUSTRIA E SERVIZOS PARA O ANO 2015

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto e normativa de aplicación
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións ás actuacións e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial e servizos, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro).
3. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro de 2013).
 Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou da industria. Para efectos desta orde considerarase sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, K, L ,M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas incluídas na Sección C ou D do CNAE-2009, coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo deben estar situados en Galicia.
2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non terán a condición de beneficiarios segundo o disposto no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, as seguintes empresas:
– Aquelas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104/2000, do Consello.
– Aquelas que operan na produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.
– Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:
• Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.
• Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela repercuta aos produtos primarios.
– Aquelas cuxas actividades están relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros, é dicir, as axudas vinculadas directamente ás cantidades exportadas, ao establecemento e explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.
– Aquelas que condicionen a utilización de produtos nacionais con preferencia sobre os bens importados.
– Aquelas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada e soliciten a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías.
Prazo de solicitude: O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.