viernes, 25 de octubre de 2024

SUBVENCIÓNS PARA FACILITAR A MOBILIDADE XEOGRÁFICA DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO 2024

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 16 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI451B).

Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación, se visen obrigadas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.
Para os efectos desta orde, tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persoa.
b) Que cesasen a relación de convivencia co seu agresor.
c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.
2. As axudas recollidas na presente orde recoñeceranse cando o traslado se realizase desde o 1 de xaneiro de 2024.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de decembro de 2024.