lunes, 14 de octubre de 2024

PROGRAMA CENTRO DIXITAIS 2024

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2024 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento das grandes empresas e das pemes para a creación de centros dixitais (programa Centros Dixitais) para o ano 2024, cofinanciadas no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG535B).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de centros dixitais na provincia da Coruña que contribúan, a nivel empresarial ou local, a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais distribuídos, o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial:
– Centros dixitalizados para control, xestión, monitorización, vixilancia, telemetría ou telecomando (remoto) de activos, infraestruturas, instalacións ou sistemas.
– Centros dixitalizados para simulación, control, seguimento de activos e operacións (persoas, vehículos, flotas, loxística...).
– Centros dixitalizados para o almacenamento de datos e accesibilidade a eles.
– Calquera outro centro dixitalizado que outorgue capacidades remotas de conectividade, coordinación, seguimento, monitorización ou control de activos.
Deben axustarse a algunha das seguintes tipoloxías:
Tipoloxía 1. Centro dixital privado.
O centro dixital deberá implantarse na provincia da Coruña e deberá ser promovido e explotado por calquera empresa para a centralización de datos propios ou a monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, dos seus activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións.
Tipoloxía 2. Centro dixital aberto e compartido.
O centro dixital deberá implantarse na provincia da Coruña e deberá ser promovido e explotado por unha empresa galega, para facilitar o desenvolvemento e uso de sistemas de centralización de datos ou sistemas de monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, de activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións; destinado de xeito aberto a que sexan utilizadas por terceiros para as súas necesidades e aplicación. Neste caso, os centros dixitais creados deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou a venda das infraestruturas será o prezo de mercado.
b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non se axustarán a esta tipoloxía os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución propia de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro a que supere o 60 % da facturación da infraestrutura.
c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar o centro dixital realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
d) Deberán prestar servizos dixitais que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
O investimento subvencionable por cada proxecto será como mínimo de 200.000 € e, como máximo, de 4.000.000 de €.

Persoas beneficiarias
As grandes empresas e as pemes, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima, preexistentes, ou que se constitúan especificamente para a explotación do centro dixital proposto.
Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura (centro dixital) subvencionable na provincia da Coruña.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20 % para proxectos da tipoloxía 2 e un 25 % para proxectos da tipoloxía 1 dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Na contribución financeira mínima do 20 % exixible nos proxectos de tipoloxía 2 non procede computar para estes efectos os activos a que se refire o artigo 8.1.b) destas bases.
E, no caso de grandes empresas, deben ademais cumprir os seguintes requisitos:
a) Creación mínima de cinco empregos directos (non se contabilizan os da fase de construción).
b) Ratio máxima de 80.000 € de axuda pública por emprego creado.
c) Mantemento do nivel de emprego creado máis o cadro de persoal existente (atendendo á media nos doce meses anteriores), durante un mínimo de 5 anos.
d) Incorporará algunha actuación significativa en relación con calquera das tipoloxías seguintes: actuación de descarbonización e/ou redución do consumo de enerxía primaria e/ou redución da contaminación; actuación de economía circular e/ou minimización do uso de materias primas e/ou reciclaxe e valorización de residuos, en particular, na reciclaxe de equipamentos de enerxías renovables; actuación de conservación ou mellora do estado ecolóxico das masas de auga ou conservación da natureza e protección da biodiversidade ou actuacións de innovación nestes ámbitos.
e) Realizarase unha análise da pegada de carbono de todo o ciclo completo do proxecto.
f) Minimizará o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso e realizarase un control das augas residuais resultantes.
g) Cando as novas instalacións estean suxeitas á avaliación ambiental integrada localizaranse preferentemente fóra da Rede Natura 2000.
h) Se se constrúen ou rehabilitan edificios ou naves industriais, farase con criterios de eficiencia enerxética de acordo co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento de disposicións comúns: lograr, por termo medio, a) unha renovación de, polo menos, un grao de profundidade intermedia, tal como se define na Recomendación (UE) 2019/786, da Comisión, do 8 de maio, relativa á renovación de edificios (DO L 127, do 16 de maio, p. 34); ou b) unha redución de polo menos un 30 % das emisións directas e indirectas de gases de efecto invernadoiro en comparación coas emisións previas.
i) Minimizarase a afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección, avaliarase de acordo coa normativa de aplicación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.