AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Convocatoria e condicións xerais
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas que se rexerá o programa Ignicia proba de concepto, que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos organismos de investigación e difusión de Galicia, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e innovación.
2. Así mesmo, por medio desta resolución realízase a súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
3. O financiamento concederase baixo a modalidade de achega patrimonial onerosa nos termos descritos no artigo 7.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios e participar na presente convocatoria os organismos de investigación e difusión, de conformidade coa definición do artigo 2, con centro de traballo en Galicia.
Requisitos dos proxectos
Os proxectos presentados deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Abordar probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar.
b) Estar situados nun TRL4 ou superior, de conformidade coas definicións do artigo 2.
c) Ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos suficientes de acordo coas bases desta convocatoria, independentemente do prazo en que estes se produzan.
d) A duración estimada do proxecto será entre 9 e 24 meses. Durante a fase de maduración, poderá ser proposta unha duración diferente á solicitada inicialmente se o resultado do plan de desenvolvemento e comercialización así o aconsellan.
e) O orzamento mínimo do proxecto será de 100.000,00 €. Durante a fase de maduración, poderá ser proposto un orzamento diferente ao solicitado polo proxecto, se o resultado do plan de desenvolvemento e comercialización así o aconsella.
f) O obxectivo do proxecto de transferencia debe enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, recollidos no anexo V desta convocatoria.
Actividades financiables
As actividades que poderán ser obxecto de apoio serán aquelas probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar a tecnoloxía en condicións reais ou case reais, tales como estudos de mercado, validación técnica, aspectos regulamentarios, análise de oportunidades comerciais e de negocio, formulación de propostas a empresas ou investidores e outros gastos necesarios para a presentación e achegamento ao potencial cliente ou que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.
Non se financiarán proxectos que non teñan como obxectivo final a comercialización dos resultados da investigación que se pretende explotar.
Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
3. O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do programa Ignicia proba de concepto recollidas nesta resolución.