ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
Obxectivos
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.
Contidos
As xornadas de formación práctica dixital (E-martes) correspondentes aos meses de novembro e decembro de 2021 estarán dedicadas ao Rexistro Electrónico na Xunta de Galicia.
Os seus contidos adaptaranse aos dous grupos de persoas destinatarias desta actividade; constarán dunha introdución xurídica, común aos dous grupos e titulada De rexistro a rexistro electrónico: pezas clave para a Administración electrónica, e unha posterior parte práctica, nas aulas de informática da escola, cos seguintes contidos específicos:
– Grupo de persoal empregado público: sede electrónica da Xunta de Galicia. Chave365. Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro: intranet (espazo dixital de referencia para o persoal da Administración autonómica), Aires (aplicación informática de rexistro de entradas e saídas), Rexel (Recepción electrónica do Sistema único de rexistro) e SIR. Copia auténtica e notificación por comparecencia.
– Grupo de cidadanía: sede electrónica da Xunta de Galicia. Chave365. Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro: eServizos, servizos nas oficinas e Sistema de interconexión de rexistros (SIR).
Persoas destinatarias
As persoas destinatarias destas actividades son:
• O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes públicos instrumentais. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
• A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.
Desenvolvemento
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Datas: os martes 16 de novembro e 14 de decembro de 2021.
Horario: de mañá e tarde.
Duración: 7 horas lectivas cada xornada.
Número de prazas
• Persoal empregado público: 16.
• Cidadanía: 13.
O número de prazas convocadas vén determinado pola capacidade das aulas adaptada ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.
Inscrición
1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes públicos instrumentais, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que están integradas estas actividades (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a xornada en que desexen matricularse:
• Xornada E-martes de formación práctica dixital: rexistro, 16 de novembro.
• Xornada E-martes de formación práctica dixital: rexistro, 14 de decembro.
As persoas que resulten seleccionadas para a primeira xornada, no caso de ter solicitadas as dúas, serán excluídas da listaxe de persoas seleccionables para a xornada de decembro, salvo renuncia recibida coa antelación prevista na base décima desta resolución.
5. Os prazos para a inscrición nestas actividades serán os seguintes:
• Para a xornada E-martes que se desenvolverá o día 16 de novembro: desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 11 de novembro de 2021.
• Para a xornada E-martes que se desenvolverá o día 14 de decembro: desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 9 de decembro de 2021.
Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.