INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) (código de procedemento VI420A).
Entidades beneficiarias
Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS sometidos a réxime de protección que, no momento de presentar a correspondente solicitude, teñan máis de dez anos de antigüidade e aqueles en que o dito réxime se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non incurran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.
c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será desde o día 3 de xaneiro de 2022 ata o día 4 de abril de 2022.