VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das dúas liñas de subvencións dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma galega (código de procedemento PR937A):
– Liña 1 subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora: teñen por finalidade fomentar o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
– Liña 2 subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego: destinadas a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia.
2. Así mesmo, ten por obxecto proceder á segunda convocatoria para conceder as ditas subvencións para o ano 2021.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.