CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Obxecto
O obxecto desta orde é convocar en réxime de concorrencia competitiva 150 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2015, do alumnado universitario matriculado no curso 2014/15 nalgunha das tres universidades do Sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia coa finalidade de coñecer a lingua dese país.
Período e dotación da axuda
1. As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2015, ambos inclusive.
2. A dotación económica asignada a cada beneficiario/a será dun máximo de 900 euros.
Requisitos dos/das solicitantes
1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2014/15, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, e ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que está a realizar.
b) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.
2. Quedan excluídos/as desta convocatoria:
a) Os/as alumnos/as que xa resultasen beneficiarios/as desta axuda en anteriores convocatorias.
b) Os/as alumnos/as que durante o curso 2014/15 sexan adxudicatarios/as dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o devandito programa.
Prazo de solicitude: ata o 8 de maio de 2015.