viernes, 31 de marzo de 2017

AXUDAS AOS INVESTIMENTOS NAS EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS, PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS AGRICULTORES MOZOS E PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PEQUENAS EXPLOTACIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2017 as seguintes liñas de axuda incluídas no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva:
a) Medida 4. Investimentos en activos físicos.
– Submedida 4.1. Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora nas explotacións agrarias, procedementos MR405A).
b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.
– Submedida 6.1. Creación de empresas para os agricultores mozos (incorporación de mozos á actividade agraria, procedemento MR404A).
– Submedida 6.3. Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (procedemento MR405B).
Estas axudas teñen como finalidade:
a) Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.
b) Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario.
Persoas beneficiarias
En función do tipo de axuda que soliciten, as seguintes persoas poderán ser beneficiarias:
a) Medida 4. Investimentos en activos físicos.
– Submedida 4.1. Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora nas explotacións agrarias, procedemento MR405A).
a. Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias.
b. Agricultores mozos que se instalan nunha explotación de nova creación.
b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.
– Submedida 6.1. Creación de empresas para os agricultores mozos (procedemento MR404A).
a. Calquera persoa física que, no momento de presentar a solicitude, no teña máis de corenta anos, conte coa capacidade e competencias profesionais adecuadas e se instale nunha explotación agraria por vez primeira como xefa da dita explotación.
– Submedida 6.3. Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (procedemento MR405B).
a. Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

jueves, 30 de marzo de 2017

SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DE ARTES ESCÉNICAS E DE MÚSICA

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, aos organizadores de festivais de música ou de artes escénicas celebrados en Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
a) Celebración: o festival debe levarse a cabo entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro que desenvolvan a maioría das actividades neste período.
b) Antigüidade: o festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
c) Contratación artística: o festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable, para a modalidade A (festivais de música), e un 30 % do orzamento subvencionable para a modalidade B (festivais de artes escénicas).
d) Programación: o festival debe ofrecer un mínimo de seis compañías ou grupos.
e) Presenza de compañías galegas: só para a modalidade B (festivais de artes escénicas), as formacións ou compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 20 % do orzamento de contratación profesional artística do festival ou un mínimo do 30 % do total das actuacións profesionais artísticas que se ofrezan. Quedan excluídos do cumprimento deste requisito os festivais presentados á modalidade A (festivais de música).
f) Entradas de pago: polo menos un 50 % dos concertos ou representacións escénicas teñen que ser con entradas de pago, excepto os festivais de artes escénicas de rúa.Prazo de presentación de solicitudes
Entidades beneficiarias
Persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS ÁS ACTIVIDADES DE DISTRIBUCIÓN PARA INDUSTRIAS CULTURAIS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais
Beneficiarias
Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as entidades que a continuación se sinalan, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017.
Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia.
Beneficiarias: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.
Beneficiarias: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a exhibición de espectáculos e/ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.
Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia.
Beneficiarias: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados culturais fóra da Comunidade Autónoma galega.
Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.
Beneficiarias: persoas físicas e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Poderanse acoller a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia consistente na realización dun mínimo de cinco representacións de artes escénicas.
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de agosto de 2017.

PROGRAMA REENCONTROS NA CASA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na Casa para o ano 2017, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.
As axudas consistirán no financiamento parcial do custo da viaxe desde os seus países de residencia ata Galicia e de retorno ao dito país das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2017 (procedemento PR 926A).
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galega.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo durante os últimos 10 anos.
1.4. Ter, cando menos 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.
1.6. Para seren persoas beneficiarias deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
1.7. Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles durante a súa estadía en Galicia.
1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que conviven menos unha.
2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes indicadas no punto 1, sempre que cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.
3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias os fillos e as fillas de persoas emigrantes galegas que teñan a condición de persoa galega e cumpran os requisitos indicados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.6, 1.7 e 1.8 e non teñan participado en programas de viaxes a Galicia da Secretaría Xeral da Emigración nos últimos 10 anos.
4. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
5. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.
Características do programa
1. A condición de persoa beneficiaria quedará supeditada ao compromiso de acollida da familia da persoa solicitante residente en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión. A Secretaría Xeral da Emigración poderá verificar estes aspectos en calquera momento.
2. As persoas participantes poderán permanecer coas súas familias en Galicia ata completaren un período máximo de 45 días e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivado da súa estadía en Galicia.
3. As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país.
4. As persoas beneficiarias deberán ingresar, por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para realizar a viaxe. Entenderase que quen non cumpra con este requisito desiste da súa solicitude.
5. A prestación de asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia.
 Datas de realización.
As datas de realización serán, preferentemente, a finais do mes de xuño.
Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 32 da LPACAP, a Secretaría Xeral da Emigración, excepcionalmente e por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS PARA O PROGRAMA CONECTA CON GALICIA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa «Conecta con Galicia» para o ano 2017, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2017, procedemento PR930A.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.
e) As persoas participantes en actividades de aire libre deberán ter, o 30 de xuño de 2017, unha idade comprendida entre os 14 e os 20 anos.
f) As persoas participantes na modalidade de campos de traballo deberán ter, o 30 de xuño de 2017, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.
g) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.
h) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.
Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.
Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.
2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.
3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de trinta (30) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

martes, 28 de marzo de 2017

AXUDAS Á APICULTURA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento MR506A, MR506B).
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.
Entidades beneficiarias
1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2 da orde:
a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola da Comunidade Autónoma de Galicia, polo menos con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2016. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).
Os apicultores que estean incluídos na solicitude de axuda presentada por unha cooperativa ou asociación ou agrupación de produtores, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda a título individual.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao seu titular ao cobramento de axudas.
2. Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Dispoñeren dun seguro de responsabilidade civil.
b) Seren titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.
c) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida en 31 de decembro de 2016.
d) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS A PROGRAMAS DE ACTUACIÓN EN FAVOR DAS ENTIDADES GALEGAS NO EXTERIOR PARA O EXERCICIO 2017

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
A concesión de subvencións en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, concretamente nas áreas sociais, de mocidade, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia.
Entidades beneficiarias
Programa 1:
a) As entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
b) As federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.
Programa 2:
a) As entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
b) As federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.
Programa 3:
a) As entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidade galega ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
b) As federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.