martes, 23 de abril de 2024

XXV PREMIO ELÍAS VALIÑA

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, e se convoca a súa XXV edición para o ano 2024 (código de procedemento CT141A).

Finalidade
Esta orde ten por obxecto a convocatoria e o establecemento das bases reguladoras da concesión do Premio Elías Valiña, para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago como un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos Camiños de Santiago, por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social (código de procedemento CT141A).
Inclúese, así mesmo, a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores culturais dos Camiños de Santiago. Esta mención só poderá outorgarse de xeito individual.
O Premio poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto.

Persoas beneficiarias
Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.
Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as que fosen premiadas nas cinco convocatorias anteriores co Premio Elías Valiña.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

BOLSAS DE FORMACIÓN PARA PRÁCTICAS EN ASUNTOS RELACIONADOS COA UNIÓN EUROPEA

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

Obxecto
Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión de bolsas de formación, para persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea nas dependencias da Fundación Galicia Europa en Bruxelas (código de procedemento PR770N).

Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa
Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a residencia en Galicia mediante empadroamento.
3. Posuír o título académico necesario para a modalidade a que se presenta a persoa beneficiaria ou xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.
a) Para as bolsas do artigo 3.2.a) de formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega é necesario posuír un título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente.
b) Para as bolsas do artigo 3.2.b) de formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos, é necesario posuír un grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.
c) Para as bolsas do artigo 3.2.c) para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo é necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).
4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.
5. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán á correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Na solicitude, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.
b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

BOLSAS DE FORMACIÓN EN MATERIA DE POLÍTICAS E PROGRAMAS EUROPEOS NO ÁMBITO DA INNOVACIÓN E A INVESTIGACIÓN

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para realizar prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

Obxecto
Estas bases regulan as condicións polas cales se rexerá a concesión de bolsas de formación para persoas cun título universitario co fin de realizar prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación (código de procedemento PR770M).

Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa
Poderán optar a obter as bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a residencia en Galicia mediante empadroamento.
3. Posuír o título universitario oficial de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou o xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.
4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.
5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.
6. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
7. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que se xuntarán coa correspondente resolución de convocatoria, será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro do mes.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Na solicitude, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.
b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Declaración de non incorrer a persoa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas das previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

lunes, 22 de abril de 2024

(E-MARTES) SOBRE O REXISTRO ELECTRÓNICO NA XUNTA DE GALICIA

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2024 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o rexistro electrónico na Xunta de Galicia.

Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son:

• O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
• A cidadanía: profesionais e persoas interesadas na materia impartida.

Desenvolvemento
Data: o martes 14 de maio de 2024.
Horario: de mañá e tarde.
Modalidade de impartición: presencial.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Duración: 7 horas lectivas.


Número de prazas
Cincuenta (50).


Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o rexistro electrónico na Xunta de Galicia.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 8 de maio de 2024.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 9.00 ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

SUBVENCIÓNS ÁS ACTIVIDADES DE DISTRIBUCIÓN PARA INDUSTRIAS CULTURAIS 2024

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2024 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT402C).

Finalidade
Determinar as condicións que regularán a concesión de subvencións para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas vinculadas ás artes escénicas e ou musicais dentro do seu plan de xira comprendidos nos prazos indicados nesta resolución e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

Persoas beneficiarias
1. Poden obter a condición de beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Tamén poden ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos dez (10) días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará aos cinco (5) meses. A sede electrónica para a presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas e o remate do prazo será ás 14.00 horas do día do vencemento.

CONVOCATORIA DE PROBAS PARA ACCESO E ADMISIÓN NAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS PROFESIONAIS DE ARTES PLÁSTICAS E DE DESEÑO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CURSO 2024-25

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas e se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado nas ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2024/25.

AXUDAS REGA 2024

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 11 de abril de 2024 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia a outorgar subvencións e se aproban as bases reguladoras relativas ás axudas Rega e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT898A).

Obxecto
Ofrecer catro axudas, para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso, realizarase unha selección dun máximo de catro proxectos vencellados ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño, valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non contempladas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpra cos seguinte requisitos.
1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.
2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.