martes, 18 de abril de 2017

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE REDES DE DISTRIBUCIÓN DE ENERXÍA TÉRMICA CON BIOMASA

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto
O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible cun esquema de funcionamento baseado nunha xeración térmica centralizada e unha distribución desta enerxía aos puntos de consumo mediante redes.
Beneficiarios
a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.
b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.
c) Empresas legalmente constituídas.
Poderá existir unha diferenciación entre o titular da instalación solicitada e a titularidade dos centros consumidores de enerxía. Nestes casos, se o solicitante forma parte do sector público, deberá xustificarse o desenvolvemento do proxecto con convenios ou acordos asinados cos titulares dos centros consumidores de enerxía que acaden o 50 % do consumo enerxético previsto na súa solicitude. Por outra banda, o solicitante tamén poderá ser unha empresa de servizos enerxéticos que subministre enerxía térmica a distintos consumidores (sector público, empresas, residencial, entidades sen ánimo de lucro…) .
Contía
1. A contía global da convocatoria ascende a 4.500.000,00 euros. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020 Feder nun 80 % e financiamento privado nun 20 %.
2. A contía da subvención será dun 80 % do custo elixible no caso de que os beneficiarios sexan:
a) Entidades locais.
b) Sector público autonómico.
A contía da subvención será dun 50 % do custo elixible no caso de que os beneficiarios sexan empresas e as súas agrupacións e asociacións. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais, e no caso de medianas empresas, en 10 puntos porcentuais.
3. A contía máxima da axuda por proxecto ou por solicitante será de 1.000.000 de €.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o seguinte a aquel en que se publiquen as bases no DOG.
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria.