CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Obxecto e finalidade
Fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento colectivo en empresas de economía social, a través dos seguintes programas:
Programa I, dirixido a fomentar a incorporación, como persoas socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, de persoas desempregadas, de traballadores e traballadoras con carácter temporal e de persoas socias en proba.
Programa II, dirixido a fomentar o acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como o fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, a través do financiamento das achegas económicas ao capital social.
Programa III, que ten por obxecto a concesión de subvencións que faciliten a posta en marcha de proxectos empresariais, tanto de nova creación de cooperativas ou sociedades laborais como xerados polas existentes.
Programa IV, que ten por finalidade o impulso dos procesos de integración empresarial de entidades de economía social, así como o lanzamento de proxectos de colaboración empresarial relacionados coa investigación, desenvolvemento e innovación, e coa loxística, comercialización e internacionalización.
Entidades beneficiarias
As cooperativas e sociedades laborais para os programas I, III e IV.
As persoas desempregadas, socias ou traballadoras de cooperativas ou sociedades laborais ou doutras empresas que se transformen nestas, para o programa II.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral para presentar as solicitudes de axuda é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
Os incentivos a que se refire esta convocatoria están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos regulamentos da Comisión (UE) 1407/2013, 1408/2013 ou 717/2014, segundo proceda.