INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión e convocar para o exercicio 2016 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.
Proxectos obxecto de apoio
1. Co obxectivo de incentivar proxectos e actuacións empresariais de distinta tipoloxía, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido ás iniciativas abertas de difusión, entendendo por tales:
a) Xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade.
b) Celebración en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels).
c) Celebración en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional. O alcance internacional do evento proposto, será determinado en función do seu historial previo de congresistas e relatores no caso de congresos ou de asistentes e expositores no caso de eventos expositivos, non podendo por tanto ser considerados como tales as primeiras edicións dun determinado congreso ou evento, aqueles cuxa periodicidade sexa inferior a un ano, nin aqueles cuxo carácter internacional estea exclusivamente determinado por unha asistencia transfronteiriza ou pola presenza de relatores estranxeiros.
2. Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa capacidade económica para organizar o evento (o orzamento anual da entidade non debe ser inferior ao custo do proxecto).
3. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 3.000 €.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios as entidades sen fin de lucro, con personalidade xurídica propia (organismos intermedios), que cumpran as seguintes condicións:
a) Que estean domiciliadas en Galicia ou que, tendo algún centro de actividade en Galicia, desenvolvan en Galicia, na súa totalidade, o proxecto obxecto de apoio.
b) Que a súa actividade estea dirixida eminentemente ao mundo empresarial.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 12 de febreiro de 2016.