AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións recollidas nestas bases teñen por obxecto incentivar o desenvolvemento de actuacións que incidan na capacidade competitiva das empresas e que incrementen a súa capacidade tecnolóxica e innovadora mediante a dotación de recursos materiais específicos para desenvolver os seus proxectos de innovación, así como a dotación específica de unidades de I+D como vía de mellora da súa competitividade mediante a posta no mercado de novos ou mellorados produtos ou servizos, e a transferencia de tecnoloxía entre organizacións densas en coñecemento e orientadas á innovación.
2. Segundo o establecido no artigo 12 do Regulamento (CE) núm. 800/2008, subvencionaranse os investimentos dirixidos a:
a) Investimentos innovadores.
a.1) Creación dun novo centro produtivo; a ampliación dun establecemento da empresa solicitante coa finalidade de permitir o desenvolvemento de novos produtos e procesos.
a.2) Diversificación da produción dun establecemento para atender mercados de produtos novos e adicionais.
a.3) Unha transformación fundamental de carácter innovador no proceso global de produción dun establecemento existente.
b) Dotación de unidades de I+D. Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.
c) Transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de licenzas relativas a invencións.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias destas subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
De acordo co artigo 1.6.a) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarios da presente convocatoria os solicitantes que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Igualmente, e tendo en conta o establecido no artigo 1.6.c) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarias da presente convocatoria as empresas en crise.
Prazo de solicitude: ata o 24 de febreiro de 2014.