lunes, 4 de junio de 2018

PROGRAMA INDUSTRIAS DO FUTURO 4.0

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Finalidade
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da segunda convocatoria do programa Industrias do futuro 4.0. Este programa, incluído no plan de acción da RIS3 Galicia, ten por obxectivo o fomento do investimento privado para o financiamento da innovación a través do apoio a grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para acadar un modelo produtivo innovador. Estes proxectos deberán estar en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da Industria 4.0.

Os proxectos deberán ser estratéxicos para a renovación do modelo produtivo e actuar como tractores nos ámbitos máis destacados da economía de Galicia, cun efecto de transformación do tecido industrial galego cara a unha competitividade baseada na innovación, contribuíndo a conseguir unha «industria intelixente», para 2020. Ademais, caracterizaranse por un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE) para obter procesos e produtos de alto valor engadido en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da Industria 4.0, sempre aliñados co reto 2 da RIS3 galega.

Poderán estar centrados na mellora de procesos, buscando avanzar na súa eficiencia e flexibilidade, na mellora de produtos, de forma que se xeren produtos novos ou con novas funcionalidades para adaptalos ás novas tendencias e nos novos modelos de negocio, a través das tecnoloxías que conecten o mundo físico co dixital, as tecnoloxías que permitan a comunicación e o tratamento dos datos e as tecnoloxías que faciliten a xestión intelixente das operacións, así como o traballo colaborativo con outras empresas.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2018, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN854A). As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Empresas industriais cun establecemento permanente legalmente constituído en Galicia que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico. As empresas poderán ser grandes ou pemes.
b) Agrupacións dunha empresa ou empresas e un organismo de investigación e difusión, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, que realicen proxectos en cooperación.
Recóllense dúas modalidades de participación: individual ou en cooperación. Os organismos de investigación só poderán participar na modalidade en cooperación.

Poderán participar na modalidade de proxectos individuais unha peme ou unha empresa grande, no caso de proxectos de I+D. No caso de proxectos de innovación en materia de organización e de procesos, para a modalidade de participación individual, só poderá participar unha peme.

As entidades participantes en proxectos en cooperación deberán formar unha agrupación xurídica, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Esta agrupación estará constituída por:

No caso de proxectos de I+D:

– Empresas, pemes ou grandes, que pertenzan a un mesmo grupo empresarial ou por empresa/s, pemes ou grandes, que pertenzan a un mesmo grupo empresarial e un único organismo de investigación e difusión.

No caso de proxectos de innovación en materia de organización e procesos:

– Empresas, como máximo de dous grupos empresariais diferentes, sendo necesario que unha delas sexa unha peme.

Deberán ser proxectos empresariais de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e de procesos, e terán un orzamento subvencionable mínimo de 4.000.000 de euros e máximo de 10.000.000 de euros.

Prazo de presentación de solicitudes
A empresa líder da agrupación presentará a solicitude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Esta convocatoria inclúe dúas edicións, polo tanto os prazos serán dous tal e como se detalla na táboa seguinte:

Edición           Inicio do prazo de presentación de solicitudes        Prazo de presentación de solicitudes

1ª edición    O día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG                    Un mes

2ª edición       Desde o día seguinte ao da publicación da resolución                    Ata o 28.9.2018                                                   de concesión da 1ª edición no DOG                                                                  

PROGRAMA DO BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS 2018

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias
As persoas traballadoras autónomas que residan e teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A aplicación informática da sede electrónica estará dispoñible desde as 9.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no DOG ata as 23.59 horas do día de finalización do prazo.

CONVOCATORIA DAS PROBAS Á OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DE CAPACITACIÓN PARA O ADESTRAMENTO DE CANS PARA GARDA E DEFENSA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO


Único. Consonte o establecido na base oitava da Resolución do 4 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán as probas para obter o certificado de capacitación para o adestramento de cans para a garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a data fixada para o exame práctico será o día 20 de xuño de 2018, no Refuxio de Animais de Bando (15/078/0088/CR), sito en Zarramacedo, s/n, Bando, 15703 Santiago de Compostela.

jueves, 31 de mayo de 2018

CONVOCATORIA PROBAS DE APTITUDE PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE XESTOR ADMINISTRATIVO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Desenvolvemento das probas

1.A celebración das probas, que se anunciará na forma sinalada na base 6.2, non poderá ter lugar antes de transcorridos dous meses desde a publicación da presente convocatoria.

2. As probas consistirán no desenvolvemento por escrito dos seguintes exercicios:

A) A resolución, por escrito, dun test consistente nun cuestionario de 50 preguntas baseado nas materias do programa, que estará composto por preguntas con respostas alternativas, das cales só unha delas será a correcta; valoraranse negativamente as contestacións erróneas. Valorarase cada resposta correcta en 0,20 puntos e cada resposta errónea restará 0,10 puntos.

B) Resolución dun suposto práctico, baseado nas áreas de coñecemento contidas no programa.

A duración máxima dos dous exercicios será de dúas horas.

C) A tradución dun texto do castelán ao galego elixido por sorteo de entre dous propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de trinta minutos.

Estarán exentos da realización do exercicio de tradución os aspirantes que acrediten posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o nivel de coñecemento de lingua galega equivalente ao Celga 3, de conformidade co disposto na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Novena. Cualificación dos exercicios

1. Cada un dos exercicios sinalados nas alíneas A e B da base oitava serán cualificados de 0 a 10 puntos.

2. Para superar as probas será indispensable obter, como mínimo, o 50 por 100 da cualificación máxima posible no conxunto dos exercicios (10 puntos), e non ser cualificado con cero puntos en ningún deles.

3. O exercicio de tradución valorarase como apto ou non apto e será necesario obter o resultado de apto para superar as probas obxecto desta convocatoria, agás que estean exentos da súa realización.


AXUDAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL POR REDUCIÓN DA XORNADA DE TRABALLO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, e teñen por obxecto avanzar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como medida de fomento da corresponsabilidade e da conciliación da vida familiar e laboral, mediante incentivos para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para a atención e coidado das súas fillas e fillos, así como para as familias monoparentais, homes ou mulleres, que precisan dun apoio específico para compaxinar a vida laboral, persoal e familiar.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, homes ou familias monoparentais (homes ou mulleres) que, entre o 1 de xuño de 2017 e o 30 de xuño de 2018 inclusive, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos ou menores de 12 anos no suposto de que padezan unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) estar empadroado en Galicia, polo menos cun ano de antelación ao inicio do período subvencionado; b) convivir coa filla ou fillo; c) de ser o caso, a persoa cónxuxe ou parella debe estar traballando; d) ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido (2016).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.