jueves, 11 de abril de 2024

PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DE ESTADÍAS E SERVIZOS NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE ADSCRITAS A ESTA CONSELLERÍA NO ANO 2024

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 27 de marzo de 2024 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería no ano 2024 (código de procedemento BS419A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2024 nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social e Xuventude.
O código deste procedemento de adxudicación é o BS419A e comprende exclusivamente as estadías e servizos reflectidas no anexo III, cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social e Xuventude.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os galegos e galegas residentes no exterior.
Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores.

Tipos de servizo
1. Os servizos que se prestan nestas residencias no ano 2024 comprenderán o aloxamento e o mantemento en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias residentes, como se indica:
a) Servizo de aloxamento que inclúe a limpeza diaria.
b) Servizo de comedor en réxime de pensión completa que comprende o almorzo, o xantar e a cea.
2. O servizo de comedor ofrece un menú único, sen prexuízo da atención de solicitudes de dietas individualizadas derivadas de prescrición médica, alerxias ou intolerancias alimentarias.
3. Non se admite a entrada e estadía de animais de compañía.

Prezos
Os prezos para as estadías e servizos ofertadas na presente convocatoria serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre actualizados pola Orde do 4 de xuño de 2013 pola que se actualizan os prezos públicos determinados no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Presentación de solicitudes, lugar e prazo
1. Cada unidade familiar poderá solicitar, a través da persoa maior de idade que a represente, as estadías e servizos para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e Xuventude e para unha ou varias quendas que se detallan no anexo III, para o que debe achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.
Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada pola/s persoa/s adulta/s e, de ser o caso, as fillas e os fillos e persoas maiores que convivan de xeito permanente ou temporal, coa persoa solicitante.
Así mesmo, terán a consideración de fillos e fillas as persoas en situación de garda con fins adoptivos e en acollemento familiar.
2. Presentarase unha única solicitude por unidade familiar na que se indicará a orde de preferencia no desfrute das estadías e servizos nas residencias. A dita solicitude dirixirase á Xefatura Territorial de Ourense no caso de que figure como primeira opción a residencia de tempo libre do Carballiño e á Xefatura Territorial de Vigo, no caso de que figure como primeira opción a residencia de tempo libre de Panxón. No caso de que se soliciten estadías e servizos para ambas as residencias, resolverá a xefatura territorial correspondente á cada unha delas.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formular normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles. Este prazo comezará a computar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

miércoles, 10 de abril de 2024

AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES 2024

CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI437A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024, ambos os dous incluídos.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 os gastos e actuacións realizadas no período comprendido entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024, ambos os dous incluídos.

Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

martes, 9 de abril de 2024

PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA 2024

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 25 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR340E).

Obxecto
Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas, dentro do primeiro ano de actividade:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade.
c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
d) Apoio á función xerencial.

Persoas e entidades beneficiarias
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial fose cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de solicitude das axudas desta orde comeza o día seguinte ao da súa publicación no DOG e remata o 30 de setembro de 2024.

lunes, 8 de abril de 2024

CONCURSO CONSUMÓPOLIS-19: SÚMATE Á ENERXÍA RESPONSABLE

 INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2024, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis-19: súmate á enerxía responsable (código de procedemento IN114A).

Obxecto
Convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2023/24 Consumópolis-19 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título «Súmate á enerxía responsable» (código de procedemento IN114A).

Persoas beneficiarias
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de quinto ou sexto de educación primaria ou de primeiro, segundo, terceiro ou cuarto de educación secundaria obrigatoria, ou estudos de formación profesional básica, en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso dos colexios rurais agrupados (CRA) e das escolas unitarias que, polas súas especiais circunstancias xeográficas ou demográficas, teñan dificultades para conformar os equipos unicamente con alumnado de quinto e sexto cursos de educación primaria, poderán completar os ditos equipos con alumnado doutros cursos de educación primaria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 3 de maio de 2024.

PREMIOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA GALICONS-NET

 INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2024, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convocan os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net (código de procedemento IN116A).

Obxecto
Regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net (código de procedemento IN116A).

Persoas beneficiarias
Poderán participar os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2023/24 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 3 de maio de 2024.

jueves, 4 de abril de 2024

PROGRAMA DE AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL 2024

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR935A).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas de emerxencia social e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, coa finalidade de outorgar unha prestación económica a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos, para atender situacións de emerxencia social derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevindas nos últimos 12 meses.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os seus fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, e cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 das bases reguladoras desta convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de outubro de 2024.

miércoles, 3 de abril de 2024

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA REHALUGA 2024

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2024 pola que se procede á convocatoria das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (código de procedemento VI426C).

Obxecto e réxime das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2024, con carácter plurianual, as subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (en diante, PMVA), que se tramitará co código de procedemento VI426C.
2. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.
b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:
1. Que a vivenda estea incorporada ao PMVA.
2. Que a/as actuación/s subvencionable/s se realicen no período que se sinala no ordinal quinto desta resolución de convocatoria.
3. Que a vivenda en que se realice/n a/as actuación/s subvencionable/s non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS do Programa Rehaluga, ao abeiro do PMVA.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o día 4 de novembro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.
2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.