lunes, 9 de diciembre de 2019

AXUDAS PARA O FOMENTO DA CONTRATACIÓN DOS SEGUROS AGRARIOS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA


 Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2020 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

Persoas beneficiarias
1. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2020 e liñas gandeiras dos plans 2019 e 2020, formalizadas en 2020, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.
2. As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.

Prazo de presentación de solicitudes
Nos anexos I, II e III da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguro correspondentes ás diferentes liñas de seguro que compoñen o Plan de seguros agrarios.
A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».
A contratación da póliza de seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de que non foi obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.
En aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contratación da póliza de seguro polo solicitante implica a autorización deste para que o órgano concedente obteña a acreditación do cumprimento dos ditos requisitos a través de certificados telemáticos, salvo denegación expresa daquel.

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE SUPERFICIES FORESTAIS, COFINANCIADAS CO FONDO FEADER


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MR670B).
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE do 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante la Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, pola Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018, e pola Decisión de execución da Comisión, C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro de 2019.
3. As axudas obxecto de subvención son as seguintes:
a) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo I desta orde (coníferas).
b) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo II desta orde (frondosas).

Beneficiarias
1. Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, non admitíndose a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
8. Non poderán ser beneficiarias as entidades locais.

 Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os traballos solicitados non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 20 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.

AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE MEDIDAS DE PROMOCIÓN DO SECTOR VITIVINÍCOLA EN MERCADOS DE TERCEIROS PAÍSES


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2020.

Beneficiarios
Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Empresas vinícolas, considerando como tales aquelas empresas privadas nas que máis do 50 % da súa facturación proveña do sector do viño ou cuxa produción supere os 1.000 hl, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado.
b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.
c) Organizacións interprofesionais definidas e recoñecidas no ámbito nacional de acordo cos artigos 157 e 158 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e recoñecidas por España segundo o disposto na Lei 38/1994, do 30 de decembro, reguladora das organizacións interprofesionais agroalimentarias.
d) Organizacións profesionais: entenderanse como organizacións profesionais aquelas que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño, que estean recoñecidas no ámbito nacional de acordo coa normativa vixente e que teñan entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de promoción.
e) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexidas vínicas, así como as súas asociacións.
f) As asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño. Entenderanse como tales as agrupacións de viticultores e/ou produtores, persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos ou actividades para os cales se agruparon. Actuarán de conformidade co artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.
h) As entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 14 de xaneiro de 2020.



jueves, 28 de noviembre de 2019

SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUCTURAS DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DE ALOXAMENTO E DE RESTAURACIÓN DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA


Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
2. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
2.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
2.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
2.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
2.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
2.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
2.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.
3. O investimento neto admitido será de ata 100.000 euros. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase o solicitante para que adapte o proxecto que se vai executar ao citado límite.
Enténdese por investimento neto o importe orzado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

miércoles, 20 de noviembre de 2019

SUBVENCIÓNS ÁS ORGANIZACIÓNS PROFESIONAIS AGRARIAS E ASOCIACIÓNS AGRARIAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INTERESE AGRARIO

ORDE do 8 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento MR321A).

Obxecto
A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:
1. As organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións ás cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002, segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.
2. As asociacións agrarias, con ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade 811, Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca, de acordo co Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

jueves, 31 de octubre de 2019

PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS ECONÓMICAS ÁS FAMILIAS NUMEROSAS DE GALICIA PARA ESTADÍAS DE FIN DE SEMANA NAS ESTACIÓNS DE MONTAÑA SITUADAS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

ORDE do 22 de outubro de 2019 pola que se convoca o procedemento para a concesión de axudas económicas ás familias numerosas de Galicia para estadías de fin de semana nas estacións de montaña situadas no territorio da Comunidade Autónoma para o ano 2019 (código de procedemento BS423D).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2019 o procedemento para a concesión de axudas económicas ás familias numerosas de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para estadías de fin de semana nas estacións de montaña situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento BS423D).
O outorgamento das axudas a que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único e de forma continuada ata esgotar o crédito orzamentario consignado para estes efectos na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1 dos orzamentos do ano 2019, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, cunha contía global de 20.000 €.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as familias numerosas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a composta por todos os membros que figuran no título de familia numerosa.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

miércoles, 23 de octubre de 2019

BASES QUE REXEN OS PREMIOS TALENTO MOZO GALICIA

RDE do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento BS327A).

Obxecto
Regular o procedemento de concesión dos premios ao talento mozo na Comunidade Autónoma de Galicia para o recoñecemento de traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019.
Cos premios Talento Mozo Galicia tratarase de recoñecer e visibilizar o talento e capacidades da xuventude galega, nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas mozas que teñan entre 18 e 30 anos e estean domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia na data en que finalice o prazo de presentación de candidaturas e que conten cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorran. Para estes efectos, os méritos que motivan a candidatura deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

 Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.