viernes, 6 de julio de 2018

AXUDAS DO PROGRAMA EMEGA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


 Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.

O programa Emega comprende as seguintes liñas e axudas complementarias: a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais; b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico; d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica; e) axuda complementaria Concilia: co obxecto de promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: concilia-promotoras e concilia-persoas traballadoras por conta allea; f) axuda complementaria Dual: para incentivar a participación no programa de titorización que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro da convocatoria.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans innova ou activa no período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.

Deben tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís, ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

martes, 3 de julio de 2018

BONO CONCILIA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e proceder á súa convocatoria para o curso 2018/19.

Persoas beneficiarias
Familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:
a) Ter un fillo ou filla nacido ou nacida con posterioridade ao 31 de decembro de 2015.
b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:
1º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.
2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as os/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.
3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.
4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2017/18 e solicitala para a mesma nena ou neno.
5º. Ter un fillo ou filla que renove a axuda deste programa para o curso 2018/19 e solicitala para un irmán ou irmá.
6º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
3. Con carácter excepcional, poderán presentar solicitudes fóra do prazo ordinario establecido no punto 2 e con data límite do 30 de novembro de 2018:
a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.
b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.




AXUDAS DESTINADAS A ACCIÓNS DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión de subvencións, pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral de Emprego, co fin de levar a cabo accións de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia.

Entidades beneficiarias

Na liña 1:
As asociacións empresariais e as organizacións sindicais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

Na liña 2:
a) As asociacións empresariais sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter sectorial.

c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

Na liña 3:
As medianas, pequenas empresas e microempresas, así como as persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras ao seu cargo, que teñan o seu domicilio social e, polo menos, un centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

lunes, 2 de julio de 2018

MODIFICACIÓN SUBVENCIÓNS PARA REALIZAR ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN E IMPULSO DO COOPERATIVISMO E DA ECONOMÍA SOCIAL

MODIFICACIÓN SUBVENCIÓNN PARA REALIZAR ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN E IMPULSO DO COOPERATIVISMO

BOLSAS DE ESTADÍA NA CASA DE VELÁZQUEZ

CONSELLO DA CULTURA GALEGA


Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá a convocatoria das bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid, na cal se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional e investigadora.
Persoas beneficiarias
Españois ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que están en posesión ou en condicións de obter un título de licenciado ou de grao e que rematasen os seus estudos no curso académico 2007/08 ou posterior.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

MODIFICACIÓN TARXETA BENVIDA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde amplía os supostos de aplicación da Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

Persoas beneficiarias
Ao abeiro da modificación inclúense entre os beneficiarios as persoas que teñan constituída unha adopción ou estean declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Prazo presentación de solicitudes
Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes para as persoas que na anualidade 2018 e con carácter previo á entrada en vigor desta orde constituísen unha adopción ou fosen declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. Estas persoas dispoñerán dun prazo de dous meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para presentar a solicitude de axuda.