jueves, 7 de mayo de 2015
SUBVENCIÓNS AS CENTRAIS SINDICAIS 2015
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas e subvencións que concederá a Consellería de Traballo e Benestar ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2015, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, co fin último da mellora das condicións de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos desta orde terase en conta a representatividade sindical a 31.12.2014, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.
2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nesta orde. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia, axustándose a repartición aos criterios que se establecen nesta orde.
Tipos de axudas.
Programa I (TR807A). Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2015.
Programa II (TR807B). Axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.
Prazo de solicitude: ata o 8 de xuño de 2015.
miércoles, 6 de mayo de 2015
BOLSAS DE FORMACIÓN EN COOPERACIÓN INTERNACIONAL PARA O DESENVOLVEMENTO
VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto
Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de oito bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento.
Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (en diante Dirección Xeral) ou no exterior, nas oficinas técnicas de cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e en organizacións internacionais multilaterais.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.
Requisitos das persoas solicitantes
As persoas solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:
a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.
b) Ter nado o 1 de xaneiro de 1984 ou con posterioridade a esa data.
c) Estar en posesión dun título universitario de licenciado/a, diplomado/a, grao ou equivalente ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
d) Non ser ou ter sido beneficiario/a dunha bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.
e) Non manter relación laboral vixente co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.
f) Durante o período de desfrute da bolsa, non colaborar con ningún axente da cooperación dos establecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
g) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as cales se convocan as bolsas.
h) Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
Prazo de solicitude: ata o dia 6 de xuño de 2015.
martes, 5 de mayo de 2015
AXUDAS Á MELLORA INTEGRAL DA CALIDADE DO LEITE CRU
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
Obxecto
1. O obxecto da orde é establecer as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva para a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene en gandarías dedicadas á produción láctea procedente de vacún, ovino e cabrún, e a súa certificación externa. As guías que se implantarán serán as publicadas na páxina web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente:
http://www.magrama.gob.es/es/ganaderia/legislacion/gu%C3%ADa_pch_vacuno_leche_tcm7-5893.pdf
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar:
http://www.medioruralemar.xunta.es/
3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as axudas para o ano 2015.
Liñas de axuda
1. As liñas de axuda serán as seguintes:
a) Axudas para asesoramento técnico básico na implantación das guías, mediante a aplicación dos programas correspondentes.
b) Axudas para a certificación externa da implantación das guías, levada a cabo igualmente mediante os correspondentes programas. Esta liña de axudas incluirá un proceso de asesoramento técnico intensivo previo ao procedemento de certificación externa.
2. Nas dúas liñas de axudas os labores de asesoramento deberán estar repartidos de xeito equilibrado entre todas as epígrafes correspondentes ás diferentes materias que inclúen as guías.
3. Quedan excluídos destas axudas os gastos vinculados á transformación ou comercialización do leite e os produtos lácteos.
4. As axudas unicamente poderán ser concedidas respecto ás actividades emprendidas ou realizadas con posterioridade á presentación das solicitudes e deberán axustarse ao prazo establecido nesta convocatoria.
5. As axudas concederanse en especie mediante servizos subvencionados e non poderán consistir en pagamentos directos en efectivo aos produtores.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas: as centrais de compra, as cooperativas e sociedades agrarias de transformación que teñan entre os seus obxectivos a comercialización ou a transformación de leite de vaca, ovella ou cabra, e as agrupacións e as asociacións de produtores de leite (en diante «entidades») de acordo co establecido no artigo 20 do Regulamento (CE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Levar a cabo a actividade subvencionable sinalada no artigo 3.1., letras a) ou b), nun grupo de titulares de explotacións incluídas nun mesmo programa, contando coa autorización para tal fin dos titulares de cada explotación.
b) Excluír de todos os programas as explotacións gandeiras que deixen de cumprir algún dos requisitos que establece o Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, e comunicalo á autoridade competente nun prazo de dous meses desde a exclusión.
c) Cumprir os requisitos legais e regulamentarios en materia de rastrexabilidade, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
d) Cumprir o exixido, nas normas ou programas complementarios establecidos, se é o caso, pola autoridade competente.
e) Ademais, no caso das centrais de compra deberán realizar un pagamento diferencial positivo por parámetros de calidade hixiénico-sanitaria do leite cru por riba do imposto pola normativa vixente. Este pagamento diferencial poderá establecerse incluíndo, adicionalmente, aspectos ambientais, de benestar animal e de persoal da explotación, con exixencias superiores ás establecidas na normativa, ou na guía.
f) Adicionalmente, en caso de centrais de compra de leite de vaca, deberán:
1º Cumprir coas obrigas impostas polo réxime da taxa suplementaria (sen prexuízo da desaparición do sistema de cotas desde o 31 de marzo de 2015).
2º Analizar as mostras de leite nun laboratorio de análise, rexistrado conforme o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro.
Prazo de solicitude: ata o 15 de xuño de 2015.
SUBVENCIÓN PARA O FOMENTO DO COOPERATIVISMO E A ECONOMÍA SOCIAL
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para realizar actividades de impulso e fomento do cooperativismo e a economía social, a través dos seguintes programas:
Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais.
Programa II. Oficinas locais de fomento cooperativo.
Programa III. Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Entidades beneficiarias
1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde:
a) As asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.
b) Os concellos de Galicia, a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios, dun consorcio local ou dunha agrupación dun mínimo de catro concellos que pertenzan a unha mesma zona, nos termos e para as actuacións previstas no programa II.
c) As fundacións e asociacións, as cámaras de comercio, as organización profesionais, empresariais e sindicais e outras entidades sen ánimo de lucro, sinaladas nas letras d), f) e g) do número 1 do artigo 5 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento, que teñan formalizada a súa adhesión á esta rede por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde, para as actuación e nos termos previstos no programa III.
2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As asociacións de cooperativas, de sociedades laborais, as fundacións e asociacións, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais, así como outras entidades sen ánimo de lucro, deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.
c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
Prazo de solicitude: ata o 5 de xuño de 2015.
lunes, 4 de mayo de 2015
MODIFICACIÓN.- BASES REGULADORAS DOS PRESTAMOS JEREMIE- IGAPE
INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, publicadas mediante Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño), no seguinte punto:
Amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de setembro de 2015. No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará esa circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es , co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
Segundo. Publicar a modificación das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, publicadas mediante Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño).