miércoles, 21 de enero de 2015

CONVOCATORIA PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE GRADUADO EN ESO PARA MAIORES DE 18 ANOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2015, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Teren cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, ordinal 5º da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2014/15 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial.
5. O alumnado matriculado durante o curso 2014/15 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
Segunda. Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: 16 de marzo ao 27 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 ao 10 de xullo de 2015, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es
Realización das probas
1. As probas realizaranse en sesións de mañá e tarde os días 29 de maio e 9 de setembro para as respectivas convocatorias.
2. Entre as 8.30 e as 9.00 horas iniciarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.
3. A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, das 9.30 ás 12.00 horas, realizarase a proba do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación Física.
Na segunda parte, das 12.15 ás 13.15 horas, realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación para a cidadanía e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música.
Na sesión da tarde, das 16.00 ás 19.00 horas, realizarase a proba do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:
a) Lingua Galega e Literatura.
a.1) Exercicio de redacción. Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.
a.2) Cuestións de Lingua Galega e Literatura.
b) Lingua Castelá e Literatura.
b.1) Exercicio de redacción. Realizarase conforme o disposto no punto a.1) para Lingua Galega e Literatura.
b.2) Cuestións de Lingua Castelá e Literatura.
c) Lingua estranxeira (Inglés ou Francés).
4. Seguindo as indicacións do equipo directivo dos centros onde se realizan as probas, o profesorado terá que colaborar nas tarefas de vixilancia dos exames.

CONVOCATORIA DE PROBAS PARA OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHAREL PARA MAIORES DE VINTE ANOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto: Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2015, nas modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:
1. Condicións das persoas aspirantes.
1. Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2015.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2014/15.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
2. Os aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de Artes.
2. Forma, lugar e prazo de presentación.
1. O prazo de presentación das solicitudes será entre o 16 e o 27 de febreiro de 2015.
2. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, de acordo co modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, nos centros sinalados no número 3 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.
3. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Rivero 3, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente s/n, 15705 Santiago de Compostela.
c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa s/n, 27003 Lugo.
d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor 4, 32002 Ourense.
e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires 26, 36002 Pontevedra.
f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra 8-1º, 36202 Vigo.
Celebración da proba.
A proba celebrarase o día 24 de abril de 2015 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

martes, 20 de enero de 2015

SUBVENCIÓN PARA A OBTENCIÓN OU MANTEMENTO DA MARCA Q DE CALIDADE

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística: procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2015 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2015.
3. Os conceptos obxecto desta axuda son aqueles procedentes de colaboracións externas e servizos asociados aos procesos de certificación cuxos custos sexan soportados directamente polos establecementos:
• Custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, e quedan excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así coma aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2015.
• Custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2015, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.
Só se procederá ao pagamento da axuda no caso do logro efectivo da certificación correspondente, que se deberá acreditar de xeito fidedigno ante a Axencia Turismo de Galicia, e, en ningún caso se pagará a axuda sen esta condición.
Non serán beneficiarios desta axuda os establecementos certificados coa marca Q de Calidade turística do ICTE, baixo a fórmula de auditoría multi-site.
4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
5. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 18.000,00 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de auditoría acreditadas polo ICTE, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa, presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.
6. Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas, as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrita conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante REAT), a actividade turística para a cal se solicita a axuda, con base aos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia.
Os anteditos beneficiarios deben estar comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir coa documentación achegada polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.
4. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o novo titular subrogarase na posición xurídica de beneficiario da subvención.
Prazo de solicitude: ata o 20 de febreiro de 2015.

SUBVENCIÓN PARA A PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS EN MONTES VECIÑAIS EN MAN COMUN

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común e as súas agrupacións poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2015 en réxime de concorrencia competitiva.
Esta incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de grande importancia na nosa comunidade, onde supoñen aproximadamente un terzo da superficie forestal existente, e en conxunto sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.
2. De acordo co devandito obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:
a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).
b) Liña II: subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, así como as súas agrupacións e mancomunidades, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, o sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.
2. No caso de agrupacións deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
No caso da liña II a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada CMVMC con respecto á superficie total da agrupación.
Prazo de solicitude: ata o 20 de febreiro de 2015.

CORRECCIÓN DE ERROS.- SUBVENCIÓN A PROXECTOS E MICROPROXECTOS DE COOPERACIÓN

lunes, 19 de enero de 2015

PROGRAMA DE AXUDA DO ALUGAMENTO

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar na anualidade de 2015, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan de vivenda.
2. O procedemento de concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva.
Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os requisitos previstos no artigo 2 das bases reguladoras.
2. O límite de ingresos da unidade de convivencia, composta polas persoas que teñan ou vaian ter o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, suxeitarase ao establecido no artigo 6 das bases reguladoras e no Plan de vivenda, e non superarán 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante IPREM). En todo caso, inicialmente, só se atenderán as solicitudes que non superen o límite máximo de ingresos da unidade de convivencia.
3. No suposto de que as solicitudes que cumpran este límite non acaden o total das axudas convocadas, poderán atenderse as unidades familiares con ingresos de ata 3 veces o IPREM priorizadas, de acordo cos criterios establecidos no artigo 8 das bases reguladoras.
4. O computo de ingresos para acceder ao programa suxeitarase ao establecido nos artigos 4 e 5 das bases reguladoras.
Prazo de solicitude: ata o 19 de febreiro de 2015.

AXUDAS A AGRUPACIÓNS DE PRODUTORES PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN E PROMOCIÓN DE PRODUTOS AGROALIMENTARIOS CON CALIDADE DIFERENCIADA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2015 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural e do Mar para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013. As accións deberán realizarse durante o ano 2015, coa data límite do 4 de setembro.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de produtores, conforme a definición do artigo 2.1, que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos dos que se recollen no artigo 2.2 desta orde e que se refiran a produtos expresamente recollidos no PDR 2007/2013 de Galicia para a medida 133.
Prazo de solicitude: ata o 19 de febreiro de 2015.