miércoles, 10 de diciembre de 2014

PLAN I2C.-AXUDAS Á ETAPA PREDOUTORAL DO PLAN GALEGO DE INVESTIGACIÓN

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2014, e se procede á súa convocatoria.

Obxecto
Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), e procede á súa convocatoria. O obxecto do Programa de apoio á etapa predoutoral é outorgar axudas ás universidades do SUG que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros, nas seguintes modalidades:
– Modalidade A: Axudas de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral.
– Modalidade B: Axudas de carácter específico de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus de Excelencia Internacional «Campus do Mar».
– Modalidade C: Axudas de carácter específico de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus de Excelencia Internacional «Campus Vida».
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias das axudas desta convocatoria as universidades do SUG que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á universidade onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as dúas partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda. A duración do contrato será dun ano, prorrogable ata un máximo de tres, logo do informe favorable da comisión académica do programa de doutoramento.
2. Poderán acceder a estas axudas as universidades do SUG que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se concedan a cidadáns non comunitarios é o que se indica no artigo 3 desta orde para cada unha das diferentes modalidades.
b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2014/15. No caso da modalidade B unicamente serán válidas as matrículas no Programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar (Do*Mar). No caso da modalidade C só serán válidas as matrículas nun programa de doutoramento dos definidos polas universidades para o Campus Vida.
c) A data de finalización dos estudos para a obtención do título universitario de licenciado/a, graduado/a ou equivalente que deron acceso aos estudos de máster universitario debe ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010. Enténdese como data de finalización dos estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2008 nos seguintes casos:
– Os/as licenciados/as ou graduados/as en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial de especialidade médica (MIR) ou farmacéutica (FIR) ou conten co certificado oficial de especialidade en Bioloxía (BIR), Química (QUIR) ou Psicoloxía (PIR).
– As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2009.
– As persoas candidatas que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 50 por cento.
No caso dos estudantes que accedan ao doutoramento cunha titulación oficial española dunha ordenación universitaria anterior ao Real decreto 1393/2007 (licenciado, graduado ou equivalente) e que teñan superado 300 ECTS, dos cales 60 ECTS do segundo ciclo sexan recoñecidos polas súas universidades como equivalentes á formación de máster universitario, segundo os acordos sobre recoñecemento da equivalencia das titulacións anteriores ao Real decreto 1393/2007 para os efectos do acceso aos estudos oficiais de doutoramento aprobados polas universidades do SUG, a data de finalización dos estudos deste título universitario de licenciado/a, graduado/a ou equivalente debe ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2012. Enténdese como data de finalización dos estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010 nos seguintes casos:
- Os/as licenciados/as ou graduados/as en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía que, na data de peche do prazo de presentación de solicitudes, estean en posesión do título oficial de especialidade médica (MIR) ou farmacéutica (FIR) ou conten co certificado oficial de especialidade en Bioloxía (BIR), Química (QUIR) ou Psicoloxía (PIR).
- As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2011.
- As persoas candidatas que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 50 por cento.
d) Contar no expediente académico da titulación con que se accede á presente convocatoria cunha nota media igual ou superior a 7. Para as titulacións de Enxeñaría e Arquitectura a media deberá ser igual ou superior a 6. Esta media calcularase segundo as indicacións do artigo 4.4.e).
3. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas persoas que estean en posesión do título de doutor nin persoas que fosen seleccionadas ou contratadas noutras convocatorias de recursos humanos homologables (bolsas/contratos predoutorais ou equivalentes), agás as axudas predoutorais da propia universidade, ás cales terán que renunciar no caso de resultar seleccionadas.
Prazo de solicitude:  O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG e finalizará o día 16 de xaneiro de 2015.

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDA AO ALUGAMENTO DE VIVENDAS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar a bases polas que se rexerá na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión das subvencións ao abeiro do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, establecidas no Real decreto 233/2013, do 5 de abril (en diante, Plan estatal 2013-2016).
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) consonte o previsto no artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As bases reguladoras terán a vixencia ata o 31 de decembro de 2016, data en que rematará o Plan estatal 2013-2016.
Requisitos que deberán cumprir as persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as subvencións aquí reguladas as persoas físicas, maiores de idade que posúan a nacionalidade española, ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán ter residencia legal en España.
2. Así mesmo, deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Ser titular ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado, en calidade de persoa arrendataria, nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
b) Que a vivenda arrendada ou que se vai arrendar constitúa ou vaia constituír a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria.
c) Que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia que teñan, ou vaian ter, o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de arrendamento, sexan en conxunto inferiores ao límite de ingresos establecido nas correspondentes convocatorias de axudas e nestas bases reguladoras.
d) Que a renda do contrato de arrendamento non supere a cantidade prevista nas correspondentes convocatorias de axudas, que en ningún caso poderá superar os 600 euros mensuais.
e) As persoas membros da unidade de convivencia deberán acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.
3. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante o algunha das que teña a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato de arrendamento se atopen nalgunha das situacións indicadas no artigo 11.2 do Plan estatal 2013-2016. O cumprimento das citadas condicións acreditarase mediante a achega da documentación que, para tales efectos, se determine na resolución da convocatoria.
4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin a quen se lle revogase algunha axuda deste ou dos anteriores plans de vivenda por causa imputable á persoa solicitante.
Prazos de resolución
O prazo máximo establecido para resolver e notificar a concesión das subvencións será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Vencido o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

martes, 9 de diciembre de 2014

MODIFICACIÓN SUBVENCIÓNS DA CONSELLERIA DE TRABALLO E BENESTAR

AXUDAS PARA PARLIAR OS DANOS PRODUCIDOS POLO LOBO

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto: Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos/as titulares de actividades gandeiras afectados/as polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
Beneficiarios/as:
1. Poderanse acoller a estas axudas os/as propietarios/as do gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios/as das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os/as propietarios/as de gando vacún leiteiro que teñan tres ou máis animais mortos por ataques de lobo nun mesmo ano ou máis de cinco nos tres últimos e nos casos en que se poida demostrar unha clara neglixencia na protección dos animais contra os ataques do lobo.
Ámbito temporal:Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015.
Prazo de presentación de solicitudes:Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:
a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2014 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de corenta e cinco (45) días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.
É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 16 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2014.
b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de corenta e cinco (45) días naturais contados desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

viernes, 5 de diciembre de 2014

MODIFICACION.- SUBVENCIÓN PARA O MANTEMENTO DOS POSTOS DE TRABALLO OCUPADOS POR DISCAPACITADOS

CONVOCATORIA PROBAS 2015 PARA O EXERCICIO DA ACTIVIDADE DE CONDUTOR PROFESIONAL DE TRANSPORTE DE MERCADORIAS OU VIAXEIROS POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Esta resolución dítase ao abeiro da base décima da Orde do 19 de novembro de 2009 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por medio da cal se habilita o titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as convocatorias e calendarios das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.
Realizaranse nove convocatorias, que se desenvolverán nos meses que a seguir se detallan, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E.
– As probas correspondentes a cada un dos indicados procesos terán lugar consonte o seguinte calendario:
– Primeira convocatoria: entre o 21 de xaneiro e o 4 de febreiro de 2015.
– Segunda convocatoria: entre o 25 de febreiro e o 11 de marzo de 2015.
– Terceira convocatoria: entre o 8 de abril e o 22 de abril de 2015.
– Cuarta convocatoria: entre o 20 de maio e o 3 de xuño de 2015.
– Quinta convocatoria: entre o 24 de xuño e o 8 de xullo de 2015.
– Sexta convocatoria: entre o 29 de xullo e o 12 de agosto de 2015.
– Sétima convocatoria: entre o 16 de setembro e o 30 de setembro de 2015.
– Oitava convocatoria: entre o 4 de novembro e o 18 de novembro de 2015.
– Novena convocatoria: entre o 9 de decembro e o 23 de decembro de 2015.
Os prazos para inscribirse ás probas previstas no punto anterior serán os seguintes:
– Primeira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do 24 de novembro de 2014 ata o 2 de xaneiro de 2015, ambos inclusive.
– Segunda convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 3 de xaneiro de 2015 ao 6 de febreiro de 2015, ambos inclusive.
– Terceira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 7 de febreiro ao 20 de marzo de 2015, ambos inclusive.
– Cuarta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 21 de marzo ao 29 de abril de 2015, ambos inclusive.
– Quinta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 30 de abril ao 5 de xuño de 2015, ambos inclusive.
– Sexta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 6 de xuño ao 10 de xullo de 2015, ambos inclusive.
– Sétima convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 11 de xullo ao 28 de agosto de 2015, ambos inclusive.
– Oitava convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 29 de agosto ao 16 de outubro de 2015, ambos inclusive.
– Novena convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 17 de outubro ao 20 de novembro de 2015, ambos inclusive.

 Para inscribirse nas probas será necesario presentar, dentro do prazo previsto no punto anterior, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, acompañada do impreso de autoliquidación de taxas polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de non prestar o consentimento para que a Administración consulte telematicamente os seus datos de identidade e residencia, o aspirante deberá achegar tamén copia do DNI e, se for o caso, da documentación que acredite a súa residencia habitual en Galicia de conformidade co disposto na Orde do 19 de novembro de 2009.

jueves, 4 de diciembre de 2014

CONVOCATORIA PÚBLICA DO PROCEDEMENTO DE RECOÑECEMENTO DAS COMPETENCIAS PROFESIONAIS ADQUIRIDAS A TRAVÉS DA EXPERIENCIA LABORAL

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Esta resolución ten por obxecto convocar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, para un total de 2.110 prazas nas unidades de competencia das cualificacións profesionais de:

– Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 598 prazas.
– Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 562 prazas.
– Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 50 prazas.
– Xestión de servizos para o control de organismos nocivos (SEA251_3): 50 prazas.
– Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 200 prazas.
– Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 300 prazas.
– Información xuvenil (SSC567_3): 50 prazas.
– Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2): 100 prazas.
– Transporte sanitario (SAN025_2): 200 prazas.

Procedemento nas cualificacións profesionais de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais

1. Para estas cualificacións profesionais o procedemento realizarase en dous períodos: o primeiro para aquelas persoas que quedaron nas listas definitivas de persoas en lista de espera na anterior convocatoria e o segundo para todas aquelas persoas que non estean nestas listas de espera e queiran inscribirse nesta nova convocatoria.
2. As persoas que quedaron nas listas definitivas de persoas en lista de espera na anterior convocatoria, publicada a través da Resolución do 6 de novembro de 2013; e que son un total de 398 persoas na cualificación profesional de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e de 362 persoas na cualificación profesional de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; de acordo co disposto no punto 1 da base décimo primeira da citada resolución:
▪ Non teñen que presentar nin nova solicitude nin ningunha documentación.
▪ Só terán que formalizar o pagamento das taxas.
▪ A partir do día 15 do mes decembro de 2014, a través da páxina web da consellería, no seguinte enderezo web: http://traballo.xunta.es/portada-reconecemento-experiencia-profesional, indicarase o lugar, a data e a hora onde terá lugar a primeira reunión de asesoramento para cada persoa candidata.
Estas listas definitivas de persoas en lista de espera están dispoñibles para a súa consulta na páxina web da consellería, no seguinte enderezo web: http://traballo.xunta.es/portada-reconecemento-experiencia-profesional
3. Todas aquelas persoas que non estean nestas listas de espera e queiran inscribirse nesta nova convocatoria deberán cumprir os requisitos que se sinalan nas bases desta convocatoria. O prazo de inscrición para estas persoas será de 30 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia
Prazos de inscrición no procedemento

Prazos de inscrición no procedemento
O prazo de inscrición para as unidades de competencia das cualificacións profesionais de atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2); servizos para o control de pragas (SEA028_2), xestión de servizos para o control de organismos nocivos (SEA251_3), socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2), socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2) e información xuvenil (SSC567_3) será de 30 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.