martes, 27 de mayo de 2014

PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO XOVES MENORES DE 30 ANOS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto: Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de promoción do emprego autónomo de persoas desempregadas xoves menores de 30 anos e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.
A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas xoves desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2013 ata o 30 de setembro de 2014, ambos os dous inclusive.
Persoas beneficiarias:Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas xoves desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
– Ter menos de 30 anos de idade na data da presentación da solicitude.
– Darse de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014, ambos os dous inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
– Non ter percibido subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
– Non ter desenvolvido como persoa traballadora autónoma a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin ter estado de alta como persoa traballadora autónoma en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará á persoa traballadora autónoma colaboradora.
 A persoa traballadora autónoma ou por conta propia poderá ser beneficiaria das axudas deste programa cando forme parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que a solicite a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
Prazo de solicitude: O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo para xoves menores de 30 anos comezará o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2014.

lunes, 26 de mayo de 2014

EPOCAS HÁBILES DE CAZA, MEDIDAS DE CONTROL POR DANOS E REXIMENES ESPECIAS POR ESPECIE

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto: Esta resolución regula os períodos hábiles de caza, as especies sobre as que se poderá exercer, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán ao exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2014-2015, que abarca o período comprendido entre o 1 de agosto de 2014 e o 31 de xullo do ano 2015.

Período hábil para a caza: O período hábil xeral para exercer a caza na Comunidade Autónoma de Galicia será o comprendido entre os días 19 de outubro de 2014 e o 6 de xaneiro de 2015, ambos inclusive, coas excepcións que para cada especie se sinalan no título V desta resolución. Os días da semana en que se permitirá o seu exercicio dependerán de que se trate dunha ou doutra das modalidades de caza maior ou menor e veñen detallados nos títulos II e III desta resolución, así como nas limitacións sinaladas no título V desta resolución.
Nas zonas de caza permanente reflectidas nos plans de ordenación cinexética do correspondente tecor, autorízase a caza sementada de paspallás e perdiz, coas limitacións temporais establecidas no punto 1 do artigo 45 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Igualmente, poderase autorizar a caza sementada de coello de monte e faisán.

jueves, 22 de mayo de 2014

BOLSAS DE FORMACIÓN NOS LECTORADOS DE LINGUA, LITERATURA E CULTURA GALEGAS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:

Destino
Localidade
País
Universidade de Barcelona
Barcelona
España
Universidade Complutense de Madrid
Madrid
Universidade de Granada
Granada
Universidade do Algarve
Faro
Portugal
Universidade de Padua
Padua
Italia
Universidade de Roma «La Sapienza»
Roma

Requisitos
Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.
– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.
– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.
– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Titulación académica:
– Poderá solicitar todas as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
• Licenciatura en Filoloxía Galega.
• Licenciatura en Filoloxía Hispánica, subsección de Galego-Portugués.
• Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.
• Grao en Lingua e Literatura Galegas.
• Grao en Estudos de Galego e Español.
• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.
• Grao en Lingua e Literatura Españolas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en Lingua e Literatura Galegas ou Maior Plus en Introdución á Lingua e Literatura Galegas.
• Grao en Lingua e Literatura Modernas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en Lingua e Literatura Galegas ou Maior Plus/modalidade mixta en Introdución á Lingua e Literatura Galegas.
– Poderán solicitar as prazas localizadas en Italia aqueles que estean en posesión das seguintes titulacións:
• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acrediten 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acrediten 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derive da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.
3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 16.
Prazo de solicitude: ata o 23 de xuño de 2014

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións para actividades desenvoltas dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
Prazo de solicitude: ata o 23 de xuño de 2014.

miércoles, 21 de mayo de 2014

SUBVENCIÓN PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E UNIDADES DE APOIO EN ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais sinaladas no artigo 3, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2013 de axentes de emprego e unidades de apoio, (procedemento TR352B) que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
2. Para o adecuado exercicio das súas funcións e actividades os e as axentes de emprego poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.
3. A concesión e desfrute destas axudas para a contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 1 que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para ser beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Para os efectos do disposto na alínea b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade, cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixan a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
4. Para os efectos do disposto na alínea b) do parágrafo segundo e sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que por mor de denuncias ou reclamacións escritas, se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencemento, as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.
b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 16.2.d) correspondente ás subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio, de exercicios anteriores.
Prazo de solicitude: ata o 21 de xuño de 2014.

SUBVENCIÓNS FOMENTO DO EMPREGO PARA ENTIDADES SEN ANIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia para a realización de servizos de interese xeral e social (procedemento TR352A) co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, estando debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de publicación da presente convocatoria, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para seren beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Para os efectos do disposto na letra b) do número anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
4. Para os efectos do disposto na letra b) do número segundo e sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que, por mor de denuncias ou reclamacións escritas, se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencemento as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.
b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 14.2.II.c), en relación co cofinanciamento das axudas polo Fondo Social Europeo, correspondente ás subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio, de exercicios anteriores.
Prazo de solicitude: ata o 21 de xuño de 2014.