lunes, 7 de abril de 2025

PREMIOS SANTADER X SPAIN AWARD 2025, PROXECTOS EMPRENDEDORES

 Universidade de Vigo

Premios Santander X Spain Award 2025, proxectos emprendedores.

Obxecto
O obxectivo do programa é recoñecer e potenciar a nivel nacional iniciativas emprendedoras xurdidas na Universidade de Vigo.

Persoas beneficiarias
Alumnado que está matriculado ou recentemente titulado (cunha antigüidade máxima de cinco anos desde o momento da súa graduación) con grao, máster universitario ou doutoramento na Universidade de Vigo.

Contía
A contía total do crédito destinado a estas axudas será de seis mil euros (6.000 €).

Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 28 de marzo ata o 22 de abril de 2025.

PREMIOS SANTANDER X SPAIN AWARD 2025, STARTUP UNIVERSITARIA

  Premios Santander X Spain Award 2025, Startup Universitaria.

Obxecto
O obxectivo do programa é recoñecer e potenciar as mellores startups e spin offs universitarias de base tecnolóxica ou de coñecemento e que teñan unha solución innovadora e disruptiva en fase de aceleración.

Persoas beneficiarias
Alumando que está matriculado ou recentemente titulado (cunha antigüidade máxima de cinco anos desde o momento da súa graduación) con grao, máster universitario ou doutoramento na Universidade de Vigo.

Contía
A contía total do crédito destinado a estas axudas será de doce mil euros (12.000 €).

Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 28 de marzo ata o 22 de abril de 2025.

PREMIOS DE GALICIA DE ACCIÓN VOLUNTARIA 2025

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 25 de marzo de 2025 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS508D).

Obxecto
Establecer a regulación do procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que, de xeito cotián, desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2025.

Modalidades e persoas destinatarias
Os Premios Galicia de Acción Voluntaria terán as seguintes modalidades:
a) Premio persoa voluntaria do ano na modalidade individual, para as persoas físicas.
b) Premio entidade de acción voluntaria do ano na modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria, que corresponderá a aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa comunidade autónoma.

Premios
Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade.

Outros datos
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS A INSTITUCIÓNS SEN FINS DE LUCRO DESTINADAS AO FINANCIAMENTO DE GASTOS CORRENTES DERIVADOS DA REALIZACIÓN DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO 2025

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 25 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215A).

Obxecto e finalidade
Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2025, de acordo co establecido nesta orde.
Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as institucións sen ánimo de lucro, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable.
Non poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes institucións sen fin de lucro:
– Entidades ou asociacións que pertenzan ao ámbito educativo.
– Asociacións ou federacións de veciños, e da terceira idade.
As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentar as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Prazo de presentación de solicitudes
As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

jueves, 3 de abril de 2025

XORNADA SOBRE OPORTUNIDADE DE NEGOCIO DE PRODUCIÓN DE AGUACATE



 

A busca de alternativas produtivas agrogandeiras en Galicia e a súa posible cooperativización  é unha inquedanza constante que o Consello Reitor da Unión de Cooperativas AGACA desexa ofrecer ás persoas que conforman as nosas cooperativas agroalimentarias. É necesario facilitar alternativas produtivas que xeren ingresos para terras en proceso de abandono do noso medio rural, ou mesmo que sexan actividades agrarias ou gandeiras complementarias ás tradicionais actividades desenvoltas polas persoas socias das cooperativas.

 

Por tanto, no marco das axudas da Rede Eusumo e en colaboración con cooperativas, convocamos a Xornada sobre Oportunidade de Negocio de PRODUCIÓN DE AGUACATE, que se desenvolverá o día 10 de abril de 2025 en modo ONLINE. Esta Xornada é para tratar de informar, posibilitar, avaliar, asesorar e orientar ás persoas con producións de AGUACATE e/ou inquedanzas neste cultivo e obter ingresos económicos do agro, buscar unha saída económica e/ou laboral no medio rural, ou mesmo para complementar ingresos e actividades que xa están a desenvolver no mesmo ocupando terras e mesmo temporadas de baixa actividade. Na Xornada interveñen persoas expertas neste ámbito, e mesmo persoas e cooperativas que nos contarán a súa experiencia na produción de Aguacate de Calidade. Achegamos programa previsto.

 

Para poder asistir e participar na Xornada PRODUCIÓN DE AGUACATE é preciso inscribirse previamente no enlace seguinte:  https://agaca.coop/gl/aguacate-2025/  Procedan a inscribirse para recibir o enlace á videoconferencia e poder participar. Pregamos non se esquezan de inscribirse.