miércoles, 5 de junio de 2024

BOLSAS PARA PERSOAS COLABORADORAS NA RESIDENCIA DO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA PARA O CURSO 2024/25

 CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 22 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2024/25, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento DE400A).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e proceder á súa convocatoria para a tempada 2024/25 (código de procedemento DE400A).
Os bolseiros actuarán baixo a coordinación e dirección dun titor que supervise o proxecto que van desenvolver no centro para que redunde na mellora da súa formación práctica.
Os beneficiarios das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte e durante o curso escolar 2024/25.

Persoas beneficiarias
Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, para completar a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter entre 18 e 30 anos no momento de presentar a solicitude.
b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.
c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou nun ciclo formativo.
d) Non ser persoa beneficiaria dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.
e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e a adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.
f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.
g) Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiras no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

Prazo para presentar as solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.