martes, 29 de octubre de 2024

PREMIOS VALEDORA DO POBO AOS MELLORES TRABALLOS DE FIN DE GRAO (TFG) E TRABALLOS DE FIN DE MÁSTER (TFM) EN MATERIA DE IGUALDADE E DEREITOS DAS MULLERES

 Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2024 pola que se aproba a convocatoria da quinta edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Obxecto
Estas bases teñen como obxecto regular a concesión dos V premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Requisitos
Os traballos deberán destacar polo seu elevado valor en materia de igualdade e dereitos das mulleres.
Os dereitos sobre os traballos presentados non poderán estar cedidos a terceiros con carácter de exclusividade.
Os traballos deberan ter sido lidos, defendidos ou xulgados e aprobados, segundo proceda, ante calquera universidade galega durante o curso académico 2023/24.
Os traballos serán presentados en idioma galego ou castelán. No caso de que se presentasen en idioma distinto dos anteriores, deberá achegarse a tradución.

Solicitudes
As solicitudes axustaranse aos modelos de instancia que figuran como anexos I e II, que estarán á disposición das persoas interesadas no enderezo electrónico do Valedor do Pobo (www.valedordopobo.gal), da Universidade de Santiago de Compostela (www.usc.es), da Universidade da Coruña (www.udc.es) e da Universidade de Vigo (www.uvigo.es), e no Rexistro do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo n° 65, 15701 Santiago de Compostela, A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 19.00 horas, de luns a xoves; e das 9.00 ás 14.00 horas, os venres, e nos rexistros das universidades citadas.

Coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:
Traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de máster (TFM) en formato papel e en formato electrónico (CD ou pendrive en formato Word, Libreoffice ou LaTeX (anexo I).
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude unicamente a un dos premios.

Lugar e prazo de presentación
Os traballos, dirixidos á valedora do Pobo, presentaranse no Rexistro do Valedor do Pobo ou nos rexistros da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña ou da Universidade de Vigo, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No suposto de que non se presenten no rexistro das entidades convocantes deberá enviarse, dentro do prazo de presentación, unha comunicación por vía de correo electrónico (rexistro@valedordopobo.gal), na cal se detalle o medio utilizado de presentación segundo o modelo que consta no anexo II.

As solicitudes presentaranse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de novembro de 2024. As persoas interesadas poderán consultar as bases da convocatoria no DOG e nas paxinas web do Valedor do Pobo e das universidades galegas.

Se a solicitude non reúne os datos ou os documentos exixidos, a persoa interesada disporá de 10 días hábiles para corrixir a falta ou achegar os documentos preceptivos desde a recepción da notificación de emenda. No caso de que non o fixer, será considerada desistida da súa petición.

Sen prexuízo do anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a valoración do traballo presentado. De non facelo, será considerada desistida da súa petición.

As comunicacións realizaranse exclusivamente a través do enderezo de correo electrónico proporcionado polas persoas solicitantes.

lunes, 28 de octubre de 2024

DATAS DE REALIZACIÓN DAS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA, NIVEIS CELGA 2,3 E 4

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2024, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, que foron convocadas mediante a Resolución do 3 de setembro de 2024 (código de procedemento PL500C).

Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 3 de setembro de 2024:

– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

16 de novembro de 2024, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.

17 de novembro de 2024, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.

– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

23 de novembro de 2024, para todas as persoas admitidas.

– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

24 de novembro de 2024, para todas as persoas admitidas.


Os centros de realización das probas serán:

– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas Fraguas (rúa de Londres, 10).
– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade (vía Río Burbia, s/n).

As probas comezarán ás 9.00 horas, de modo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicarase, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás que, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral da Lingua comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e mais a aula que se lles asigne.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta se realizará o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar a dita proba oral publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral da Lingua, unha vez que remate a proba escrita.

viernes, 25 de octubre de 2024

SUBVENCIÓNS PARA FACILITAR A MOBILIDADE XEOGRÁFICA DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO 2024

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 16 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI451B).

Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación, se visen obrigadas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.
Para os efectos desta orde, tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persoa.
b) Que cesasen a relación de convivencia co seu agresor.
c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.
2. As axudas recollidas na presente orde recoñeceranse cando o traslado se realizase desde o 1 de xaneiro de 2024.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de decembro de 2024.

EDUCACIÓN BÁSICA PARA PERSOAS ADULTAS

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 2 de outubro de 2024 pola que se regula a educación básica para persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.

jueves, 24 de octubre de 2024

AXUDAS ÁS ORGANIZACIÓNS PROFESIONAIS AGRARIAS E ASOCIACIÓNS AGRARIAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INTERESE AGRARIO, 2024

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR321A).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para conceder axudas, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, para realizar actividades de interese agrario e convocalas para o exercicio orzamentario 2024.
2. A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:
1. Entidades agrarias con representación no Consello Agrario Galego.
2. Outras asociacións agrarias.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

martes, 22 de octubre de 2024

PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN E INCENTIVACIÓN DO CONSUMO NOS COMERCIOS RETALLISTAS A TRAVÉS DOS BONOS ACTIVA COMERCIO

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 8 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).

Obxecto
O obxecto é a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Data de activación dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 4 de novembro ata o 31 de decembro de 2024, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas acade os 2.500.000,00 €.
Mediante orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderanse modificar as ditas datas se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellan, do cal se dará a oportuna publicidade.

DATAS, LUGAR E HORARIOS DE REALIZACIÓN DOS EXERCICIOS DE RENOVACIÓN E OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DE CONSELLEIRO DE SEGURIDADE

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2024, do tribunal designado para cualificar as probas dirixidas á obtención e á renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, pola que se determinan as datas, o lugar e os horarios de realización dos exercicios correspondentes á renovación do certificado.


RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2024, do tribunal designado para cualificar as probas dirixidas á obtención e á renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, pola que se determinan as datas, o lugar e os horarios de realización dos exercicios correspondentes á obtención do certificado.

martes, 15 de octubre de 2024

INDEMNIZACIÓNS EN MATERIA DE SANIDADE VEXETAL 2024

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR465A).

Obxecto
O obxecto desta sección é convocar a concesión de indemnizacións para o ano 2024, no marco das bases reguladoras establecidas na presente orde, para paliar as medidas fitosanitarias derivadas das seguintes pragas de corentena e pragas regulamentadas, recollidas nos seguintes textos normativos:
1. Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, segundo o establecido no Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny).
2. Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, segundo o establecido no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, e as súas modificacións.
3. Grapevine flavescence dorée phytoplasma segundo o Regulamento de execución (UE) 2022/1630 da Comisión, do 21 de setembro de 2022, polo que se establecen as medidas para a contención de Grapevine flavescence dorée phytoplasma en determinadas zonas demarcadas.

Persoas beneficiarias, requisitos e finalidade
1. Poderán ser persoas beneficiarias das indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de:
a) Planta destinada a plantacións forestais de Pinus sp. que fose destruída como consecuencia da detección dun foco de Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell.
b) Semente certificada de tubérculos de pataca, destruída en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny, existente en almacéns comercializadores situados en zonas demarcadas e con data de adquisición anterior á data de declaración desa zona como zona demarcada de Tecia solanivora Povolny. A entrega de tubérculos de pataca aos servizos oficiais realizarase mediante sacos orixinais (sempre que non fosen abertos) ou nos sacos entregados por estes servizos. Emitirase certificado da cantidade de pataca entregada, e posteriormente destruída, con base no cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.
c) Tubérculos de pataca de consumo producidos nas zonas demarcadas durante a campaña 2023, plantados antes da declaración de zona demarcada e destruídos en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny. A entrega de tubérculos de pataca aos servizos oficiais realizarase mediante sacos plásticos pechados. Emitirase certificado da cantidade de pataca entregada, e posteriormente destruída, con base no cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.
d) Plantacións de tubérculos de pataca desenterradas e destruídas en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny. Serán obxecto de indemnización as plantacións realizadas en zonas onde se declarase como zona demarcada en aplicación das medidas de erradicación con data posterior á plantación.
e) Titulares de parcelas de viñedo cuxas plantas de Vitis vinifera fosen eliminadas e destruídas como consecuencia da detección ou sospeita oficial de Grapevine flavescence dorée phytoplasma. As parcelas de viñedo de mais de 0,1 ha deberán estar inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG). Indemnizarase a eliminación e destrución da planta.
f) Plantas de Vitis sp. que fosen eliminadas e destruídas como consecuencia da detección ou sospeita oficial de Grapevine flavescence dorée phytoplasma en instalacións de produtores de plantas de viveiro de vide. Indemnizarase o custo de produción da planta destruída.
g) Plantas de Vitis vinifera que fosen destruídas como consecuencia da detección ou sospeita oficial de Grapevine flavescence dorée phytoplasma en instalacións de comercializadores de plantas de viveiro de vide. Indemnizarase o prezo de compra da planta destruída, ata o importe máximo establecido no anexo II.
2. As persoas solicitantes destas indemnizacións deberán cumprir os requisitos e os compromisos establecidos nas bases reguladoras desta orde.
3. A finalidade das indemnizacións é compensar polas perdas debidas ás medidas fitosanitarias contra as pragas de corentena que así se establezan.
4. Para recibir indemnizacións por eliminación e/ou destrución das plantas de Vitis sp. afectadas por detección ou sospeita de Grapevine flavescence dorée phytoplasma será preciso un control oficial destas operacións.

Tramitación do procedemento e prazo de presentación
1. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2024.
2. O prazo de presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación será dun mes (1) contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

lunes, 14 de octubre de 2024

PROGRAMA CENTRO DIXITAIS 2024

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2024 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento das grandes empresas e das pemes para a creación de centros dixitais (programa Centros Dixitais) para o ano 2024, cofinanciadas no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG535B).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de centros dixitais na provincia da Coruña que contribúan, a nivel empresarial ou local, a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais distribuídos, o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial:
– Centros dixitalizados para control, xestión, monitorización, vixilancia, telemetría ou telecomando (remoto) de activos, infraestruturas, instalacións ou sistemas.
– Centros dixitalizados para simulación, control, seguimento de activos e operacións (persoas, vehículos, flotas, loxística...).
– Centros dixitalizados para o almacenamento de datos e accesibilidade a eles.
– Calquera outro centro dixitalizado que outorgue capacidades remotas de conectividade, coordinación, seguimento, monitorización ou control de activos.
Deben axustarse a algunha das seguintes tipoloxías:
Tipoloxía 1. Centro dixital privado.
O centro dixital deberá implantarse na provincia da Coruña e deberá ser promovido e explotado por calquera empresa para a centralización de datos propios ou a monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, dos seus activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións.
Tipoloxía 2. Centro dixital aberto e compartido.
O centro dixital deberá implantarse na provincia da Coruña e deberá ser promovido e explotado por unha empresa galega, para facilitar o desenvolvemento e uso de sistemas de centralización de datos ou sistemas de monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, de activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións; destinado de xeito aberto a que sexan utilizadas por terceiros para as súas necesidades e aplicación. Neste caso, os centros dixitais creados deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou a venda das infraestruturas será o prezo de mercado.
b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non se axustarán a esta tipoloxía os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución propia de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro a que supere o 60 % da facturación da infraestrutura.
c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar o centro dixital realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
d) Deberán prestar servizos dixitais que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
O investimento subvencionable por cada proxecto será como mínimo de 200.000 € e, como máximo, de 4.000.000 de €.

Persoas beneficiarias
As grandes empresas e as pemes, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima, preexistentes, ou que se constitúan especificamente para a explotación do centro dixital proposto.
Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura (centro dixital) subvencionable na provincia da Coruña.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20 % para proxectos da tipoloxía 2 e un 25 % para proxectos da tipoloxía 1 dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Na contribución financeira mínima do 20 % exixible nos proxectos de tipoloxía 2 non procede computar para estes efectos os activos a que se refire o artigo 8.1.b) destas bases.
E, no caso de grandes empresas, deben ademais cumprir os seguintes requisitos:
a) Creación mínima de cinco empregos directos (non se contabilizan os da fase de construción).
b) Ratio máxima de 80.000 € de axuda pública por emprego creado.
c) Mantemento do nivel de emprego creado máis o cadro de persoal existente (atendendo á media nos doce meses anteriores), durante un mínimo de 5 anos.
d) Incorporará algunha actuación significativa en relación con calquera das tipoloxías seguintes: actuación de descarbonización e/ou redución do consumo de enerxía primaria e/ou redución da contaminación; actuación de economía circular e/ou minimización do uso de materias primas e/ou reciclaxe e valorización de residuos, en particular, na reciclaxe de equipamentos de enerxías renovables; actuación de conservación ou mellora do estado ecolóxico das masas de auga ou conservación da natureza e protección da biodiversidade ou actuacións de innovación nestes ámbitos.
e) Realizarase unha análise da pegada de carbono de todo o ciclo completo do proxecto.
f) Minimizará o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso e realizarase un control das augas residuais resultantes.
g) Cando as novas instalacións estean suxeitas á avaliación ambiental integrada localizaranse preferentemente fóra da Rede Natura 2000.
h) Se se constrúen ou rehabilitan edificios ou naves industriais, farase con criterios de eficiencia enerxética de acordo co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento de disposicións comúns: lograr, por termo medio, a) unha renovación de, polo menos, un grao de profundidade intermedia, tal como se define na Recomendación (UE) 2019/786, da Comisión, do 8 de maio, relativa á renovación de edificios (DO L 127, do 16 de maio, p. 34); ou b) unha redución de polo menos un 30 % das emisións directas e indirectas de gases de efecto invernadoiro en comparación coas emisións previas.
i) Minimizarase a afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección, avaliarase de acordo coa normativa de aplicación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.





EMERXENCIA CINEXÉTICA TEMPORAL POLOS DANOS OCASIONADOS POLO XABARIL

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Lugo, pola que declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nas comarcas dos Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, A Mariña Oriental, Sarria, A Terra Chá e Terra de Lemos.

martes, 1 de octubre de 2024

PROGRAMA DOUTORAMENTOS INDUSTRIAIS

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 18 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a formación de doutores e doutoras das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en empresas e centros de innovación e tecnoloxía, programa Doutoramentos industriais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2024 (código de procedemento IN606D).

Obxecto
1. Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 das axudas para o desenvolvemento de proxectos de doutoramento industrial, programa Doutoramentos industriais, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, código do procedemento administrativo IN606D.
O programa Doutoramentos industriais ten como obxectivos:
a) Promover a colaboración efectiva e a transferencia de coñecemento entre as universidades do SUG e o tecido empresarial mediante a sinatura de convenios ou acordos que regulen o desenvolvemento dun proxecto de investigación industrial.
b) Potenciar a captación de mozos e mozas investigadores e investigadoras para que desenvolvan proxectos de investigación nas empresas e centros de innovación e tecnoloxía que os contraten e que lles permita obter un doutoramento industrial en sectores de interese estratéxico rexional.
c) Posibilitar a incorporación de persoal doutor mozo ás empresas, unha vez que remate a axuda e, desta maneira, abrirlles novas saídas profesionais.
d) Fortalecer a colaboración entre as empresas e as universidades do SUG.
2. As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
3. Os organismos de investigación beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i conforme o establecido no punto 2.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01).

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As empresas e os centros de innovación e tecnoloxía que estean validamente constituídas no momento da presentación da solicitude de axuda con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que conten cun ano de antigüidade mínima no momento da presentación da solicitude de axuda e que desexen contratar investigadores ou investigadoras predoutorais para realizar un proxecto de investigación industrial, en colaboración cunha universidade do SUG, que lles sirva como traballo de tese de doutoramento e sexa do seu interese.
Segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica.
Os centros de innovación e tecnoloxía da comunidade autónoma son aqueles que figuran inscritos (ou teñan resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.
b) As universidades do SUG que desexen participar na execución dun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental que se desenvolva en colaboración cunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e asumir a dirección dunha tese de doutoramento asociada.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.