CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Obxecto: fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2013 do programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego coa finalidade de xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade e mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.
Entidades beneficiarias: Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:
a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo nun concello de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
g) Que como mínimo o 50 % do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que
adopten, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de
bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como
iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.
No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario.
En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.
Tipos de axuda
O programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) inclúe os seguintes tipos de axudas:
a) Subvención á xeración de emprego estable.
b) Subvención financeira
c) Subvención para asistencia técnica.
d) Subvención para o inicio da actividade.
e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
O prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2013 e respectaranse, en todo caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de subvención.