viernes, 30 de enero de 2026

BOLSA DE FORMACIÓN EN MATERIA DE PROMOCIÓN E DEFENSA DA COMPETENCIA 2026

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen, mediante a tramitación anticipada de gasto, as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación en materia de promoción e defensa da competencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CO400F). 

Obxecto
Bolsa de formación, en réxime de concorrencia competitiva, que ten por obxecto contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de defensa da competencia. A dita bolsa desenvolverase dentro do programa de traballo da Comisión Galega da Competencia, con suxeición ao programa de formación e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias de esta bolsa de formación as persoas que estean en posesión dalgún título universitario de licenciado/a ou de grao en dereito, en económicas ou en administración e dirección de empresas, sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS Á APICULTURA 2026

Consellería do Medio Rural

ORDE do 9 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Beneficiarias e requisitos
1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 3 da orde:
a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

Será requisito para a obtención das axudas:
1º. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o foran antes do 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida en que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data.
No caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.
2º. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.
3º. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e se regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
4º. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.
5º. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.
6º. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2025 antes do día 1 de marzo de 2026.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.
b) As agrupacións de apicultores/as, na medida en que os seus socios ou asociados beneficiarios das axudas cumpran cos requisitos establecidos na letra a) anterior.
Ademais, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.
2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea, unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores.
Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra agrupación.
De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da agrupación de apicultores/as que a inclúa como beneficiaria naquela acción que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 10.1 desta orde de axudas.
3. Non poderá ser considerada persoa beneficiaria un solicitante para quen se demostre que creou artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos no Real decreto 906/2022, tal e como se establece no artigo 62 (relativo a medidas antievasión) do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS PARA APOIAR INICITIVAS DE EMPRENDEMENTO 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 16 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (código de procedemento TR880A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (código de procedemento TR880A).
A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xullo de 2025 e a data da presentación da solicitude.

Persoas, entidades beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais, que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido no artigo 1.
2. As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
b) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
c) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2024 ata a data de presentación da solicitude.
d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
3. Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtiveran resolución favorable ao abeiro da Orde do 28 de xuño de 2023 (DOG núm. 127, do 5 de xullo), da Orde do 16 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro) e da Orde do 28 de abril de 2025 (DOG núm. 90, do 13 de maio).

Prazo de presentación de solicitudes
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de marzo de 2026.

PROGRAMA SERVIZO VOLUNTARIADO XUVENIL 2026

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS320A).

Obxecto e finalidade
Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2026, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
O dito programa consiste en instar a participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das persoas mozas galegas para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Entidades beneficiarias
Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Servizo de voluntariado xuvenil desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 30 de setembro de 2026.

Outros datos
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá xunto co número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha destas persoas e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida. Requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

jueves, 29 de enero de 2026

AXUDAS PARA REFORESTACIÓN CON ESPECIES DE FRONDOSAS E/OU CONÍFERAS, 2026

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para investimentos en reforestación con especies de frondosas e/ou coníferas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Deselvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605D).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para investimentos en reforestación con especies de frondosas e/ou coníferas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, e convocar estas axudas para o ano 2026 (código de procedemento MR605D).
2. No marco desta orde inclúense as axudas previstas na intervención 6883, investimentos forestais produtivos, recollida no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través das seguintes subintervencións:
a) Subintervención 6883_01, Investimentos forestais produtivos_1, destinada a financiar actuacións de reforestación produtiva con especies de frondosas (liña II e liña III).
b) Subintervención 6883_02, Investimentos forestais produtivos_2, destinada a financiar actuacións de reforestación produtiva con especies de coníferas (liña I).

Persoas beneficiarias
1. Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.
2. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
3. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
4. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. Os monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
6. Silvicultor/a activo/a deberá estar inscrito no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C). Con todo, de conformidade coa excepción prevista no artigo 4, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda, sempre que figuren inscritas antes do pagamento da axuda.
7. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán ter a inscrición no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa. Con todo, de conformidade coa excepción prevista no artigo 4, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda, sempre que figuren inscritas antes do pagamento da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS EXTRAORDINARIAS A PERSOAS EMIGRANTES GALEGAS RETORNADAS 2026

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR905A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias de carácter social e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR905A).

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:
a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.
b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.
c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo fose inhábil, comezará o día hábil seguinte.
Este prazo rematará o 30 de setembro de 2026, ás 20.00 horas, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes.
As solicitudes presentadas antes das 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da súa publicación non serán admitidas.

BONO CONSOLIDA ECONOMÍA SOCIAL

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802L).

Obxecto
Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presencia no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.

Entidades beneficiarias
1. As sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter presentadas as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica.
No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e conta de resultados pola súa Asemblea Xeral.
c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.
d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias:
a) As entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
c) As entidades que obtivesen unha resolución favorable de concesión de axudas ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e se convoca para a anualidade 2025 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro de 2025).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, que comezará a contar a partir do oitavo día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha hora de inicio ás 9.00 horas e hora fin de prazo ás 20.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.













AXUDAS ECONÓMICAS PARA O ALUMNADO DE FP QUE REALIZA FORMACIÓN EN EMPRESA

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 9 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases e se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional (código de procedemento ED202A).

Obxecto
Establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas para a realización da formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional.

Persoas beneficiarias
Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que realice prácticas en empresas ou entidades colaboradoras, entre setembro de 2025 e decembro de 2026, no marco dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos.

Prazo de presentación de solicitudes
Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
1. O primeiro prazo será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de xuño de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa ata o 31 de agosto de 2026.
Acollerase a este primeiro prazo o alumnado que realice a FCT nos períodos outubro 2025-marzo 2026 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2026.
O alumnado ao que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026 e que anticipe a súa realización, non se acollerá a este primeiro prazo.
2. O segundo prazo será o comprendido entre o 13 de outubro e o 13 de novembro de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa no período setembro-decembro de 2026.
Acollerase a este segundo prazo o alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026. Este alumnado deberá finalizar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2026.

SUBVENCIÓNS PARA EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE ACCIÓN HUMANITARIA NO EXTERIOR 2026

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 13 de xaneiro de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR811A).

Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (código de procedemento administrativo PR811A).
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.
A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A, organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

miércoles, 28 de enero de 2026

SUBVENCIÓNS PARA A PRODUCCIÓN E COPRODUCIÓN DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS 2026

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT207A).

Finalidade
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos convocadas para o 2026.


Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que conten cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano en ambos os dous casos. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia.


Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

PROGRAMA GALICIA MOZA CON ALMA, DE MOBILIDADE TRANSNACIONAL XUVENIL 2026

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil, dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (programa Galicia Moza con Alma) (código de procedemento CT510A).

Obxecto
O obxecto é establecer o procedemento de concesión de subvencións para o programa de inclusión social xuvenil, Galicia Moza con Alma, co obxectivo de empoderar as persoas mozas vulnerables á hora de integrarse no mercado laboral, o sistema educativo ou na sociedade, mediante a realización de prácticas formativas non laborais nun Estado membro da Unión Europea. O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.
Os programas Galicia Moza con Alma deberán contar cun mínimo de 4 e un máximo de 5 persoas mozas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3 da orde.
O proxecto de actuación consta de tres fases que deben ser consecutivas:
a) Fase de organización e planificación en Galicia: inclúe a preparación sociolingüística e intercultural, así como a organización e preparación da mobilidade, en canto a organización da viaxe e aloxamento das persoas mozas participantes.
Prevé a elaboración conxunta entre a entidade e a persoa participante dun itinerario personalizado, que inclúa a descrición detallada de todas as accións adaptadas ás necesidades da persoa, definidas co obxectivo de preparala para realizar a estadía de aprendizaxe práctica e integración laboral noutro país membro da UE.
Poderá comezar a partir do día seguinte á publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta.
Esta fase poderá ter unha duración mínima de 75 horas e unha duración máxima dun mes.
b) Fase de mobilidade nun país membro da UE: realización de prácticas formativas non laborais en empresas, entidades ou institucións de países da Unión Europea e seguimento durante a súa realización; titorización das prácticas e realización de itinerarios personalizados de inserción das persoas mozas participantes.
Poderá comezar unha vez rematada a fase de organización e planificación en Galicia, debendo durar polo menos un 30 % do tempo previsto para a duración total programa.
A súa duración debe adecuarse ás necesidades da persoa participante, sendo en todo caso de 3 a 4 meses consecutivos, agás causa xustificada motivada por escrito.
Esta fase debe finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2026.
c) Fase de avaliación e seguimento posterior á realización das prácticas formativas non laborais unha vez que regresan a Galicia.
Desenvolverase un plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas.
A entidade debe deixar constancia do progreso na avaliación final, axudando a persoa participante a identificar as competencias adquiridas ou desenvolvidas durante o proxecto.
A entidade beneficiaria comprométese a acompañar e facilitar a inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia daquelas persoas mozas participantes que non acaden a inserción laboral antes da finalización desta fase.
Esta fase iniciarase, como moi tarde, unha semana despois de que a persoa participante regrese da súa mobilidade e pódese alongar como máximo 1 mes, con data límite o 9 de decembro de 2026.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
Poderase solicitar un anticipo de ata o 80 % do importe da subvención concedida. A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá solicitalo marcando no recadro do anexo IV.
A concesión da subvención tramítase en réxime de concorrencia competitiva e efectúase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.
O método de xustificación empregado será o de módulos de custos unitarios e financiamento non vinculado a custos previstos no Regulamento delegado (UE) nº 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello.
O número máximo de días subvencionables é de 180 por persoa moza participante, aplicándose para cada día os importes dos módulos especificados no punto 5 do artigo 7.
Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que de forma inequívoca respondan á natureza da actividade subvencionada, sexan estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas e se realicen no prazo e nas condicións que se determinen na orde.

martes, 27 de enero de 2026

CORRECCIÓN DE ERROS.-OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR PARA O ANO 2025 UNIVERSIDADE DE VIGO

 Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2026 de corrección de erros da Resolución do 12 de decembro de 2025 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2025.

SUBVENCIÓNS PARA O IMPULSO DUNHA REDE DE MERCADOS EXCELENTES DE GALICIA E A DINAMIZACIÓN E REVITALIZACIÓN DAS PRAZAS DE ABASTOS 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 5 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento IN223A).

Obxecto
A concesión das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:
a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 12 de decembro de 2025 pola que se regula o procedemento para a obtención e renovación do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.
b) As federacións de asociacións de prazas de abastos e mercados, asociacións de vendedores das prazas de abastos e mercados e outras asociacións, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de asociacións de vendedores de prazas de abastos, o número de membros asociados deberá supoñer, como mínimo, o 50 % dos postos ocupados na praza de abastos. A estes efectos contarán como unha unidade os postos ocupados polo/a mesmo/a praceiro/a.
No caso das outras asociacións, só poderán ser beneficiarias no caso de que non exista unha asociación de vendedores da praza de abastos para que se solicita a axuda e sempre que conten entre os seus asociados, como mínimo, co 50 % dos/das praceiros/as da dita praza.
As federacións e as asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e atoparse ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.
c) As cooperativas de vendedores/as das prazas de abastos que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado desde as 9.00 horas do día 2 de febreiro de 2026.
O último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 horas.

SUBVENCIÓNS ÁS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, tramitada por anticipado de gasto (códigos de procedemento TR807A e TR807B).

Obxecto
A convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2026, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, co fin último da mellora das condicións de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarias
Organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o quinto día hábil posterior a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

lunes, 26 de enero de 2026

PROGRAMA DE OBRADOIROS DE FOLCLORE, ARTESANÍA, COCIÑA GALEGA E SEMINARIOS DE CULTURA GALEGA EN ENTIDADES GALEGAS DO EXTERIOR, 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR923C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, dirixido ás persoas asociadas galegas e á súa descendencia, así como a aqueloutras interesadas no feito cultural de Galicia que participen nas actividades destas asociacións (código de procedemento PR923C).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2026.

Entidades beneficiarias
1. Poderán optar á organización dos obradoiros deste programa as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.
2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan constituídos grupos ou escolas de folclore da modalidade solicitada cun ano de funcionamento ininterrompido desde a data de presentación da solicitude.
3. Os obradoiros de artesanía están dirixidos ás entidades que teñan un taller cun ano de funcionamento ininterrompido desde a data de presentación da solicitude no cal veñan desenvolvendo esas actividades.
4. Os obradoiros de cociña galega e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

SUBVENCIÓNS A ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA O PROGRAMA DIRIXIDO A MULLERES EN SITUACIÓN DE ESPECIAL VULNERABILIDADE, 2026

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI427A).

Obxecto
A orde ten por obxecto a convocatoria e o establecemento das bases para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional primeira da dita orde.
Estes programas teñen como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, polo que deberán incluír unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:
a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.
b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional primeira da orde.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións e, en particular, os seguintes:
a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).
b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.
c) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.
Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste procedemento as comunidades de bens, as sociedades civís, as entidades que se rexan polas disposicións relativas ao contrato de sociedade, as cooperativas, as mutualidades, así como as unións temporais de empresas e as agrupacións de interese económico.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

AXUDAS DE MEDIDAS DE PROTECCIÓN INTEGRAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E PARA A PREVENCIÓN E O TRATAMENTO INTEGRAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO, 2026

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 19 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI434B).

Obxecto
As axudas do artigo 27 concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero. En relación coas axudas de indemnización do artigo 43, concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Persoas beneficiarias
1. Para ser beneficiaria das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a solicitante deberá reunir, na data de solicitude da axuda e manter ata o momento en que se resolva a dita solicitude, os seguintes requisitos: a) Ser muller vítima de violencia de xénero segundo o disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro. Esta condición acreditarase con algún dos documentos establecidos no artigo 8.1.a); b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo; c) Non convivir co agresor; d) Ter especiais dificultades para obter un emprego; e) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
Esta axuda poderá percibirse en máis dunha ocasión cando a vítima sufrira violencias diferenciadas acreditadas de forma separada, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos nestas bases reguladoras.
2. En relación coas axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, poderán ser beneficiarias as mulleres vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sofra violencia de xénero. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia; b) Non convivir co agresor; c) Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia; d) Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento; e) Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará transcorridos cinco días hábiles desde da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de novembro de 2026.

PROGRAMA RETORNA TALENTO FP 2026

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 17 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional en centros educativos de Galicia que se inicien no ano 2026 (código de procedemento ED333B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento vinte (120) bolsas Retorna Talento FP para cursar, polo réxime dual intensivo, os ciclos de formación profesional (grao D) que se indican no anexo IV que se inicien no ano 2026 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).
A formación terá unha duración de dous cursos académicos. Tanto no curso 2026/27 como no 2027/28 o alumnado recibirá a súa formación na modalidade presencial, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa.
As persoas solicitantes poderán indicar ata un máximo de tres ensinanzas de entre as recollidas no anexo IV, ordenadas segundo a súa orde de preferencia.

Persoas beneficiarias
Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4, Requisitos.
Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa foron beneficiarias da bolsa convocada pola Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional en centros educativos de Galicia que se inicien no ano 2025 (DOG núm. 60, do 27 de marzo), ou outras bolsas de edicións anteriores.
Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que foron beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 23:59:59 horas (hora peninsular española) do 30 de abril de 2026.

PREMIOS FIN DE CARREIRA PARA O ALUMNADO QUE RESMATOU OS SEUS ESTUDOS UNIVERSITARIOS NO ANO 2025 NAS UNIVERSIDADES DE GALICIA

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2025 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).

Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que rematou os seus estudos universitarios conducentes a unha titulación oficial de grao no curso académico 2024/25.

Persoas beneficiarias
Estudantes que remataron brillantemente os seus estudos universitarios conducentes a unha titulación oficial de grao no curso académico 2024/25 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

viernes, 23 de enero de 2026

BASES REGULADORAS PARA O PERÍODO 2026-2029 DAS ACCIÓNS FORMATIVAS GALICIA SUMA TALENTO E 1ª CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓN PARA O EXERCICIO 2026-2027

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen, para o período 2026-2029, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas, e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio 2026-2027 (código de procedemento TR302A).

Obxecto e ámbito de aplicación
1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas do Plan de formación para o emprego dirixido a persoas traballadoras ocupadas (código de procedemento TR302A).
2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2026-2029.
Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o exercicio 2026-2027.

Persoas beneficiarias
1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as entidades de formación que sexan titulares de centros de formación inscritos no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se a formación se imparte na modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación, para impartir, no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, formación profesional no traballo naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención. Para estes efectos considéranse igualmente entidades de formación as persoas autónomas titulares de centros de formación debidamente inscritos.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
3. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.

Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ás 9.00 horas, de conformidade co establecido na súa disposición derradeira segunda, ata o día 1 de decembro de 2026 ás 20.00 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.
A orde entrará en vigor aos cinco días hábiles da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria
As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo
https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Execución da primeira convocatoria
Na solicitude de subvención, as entidades deberán indicar a data prevista de inicio da acción formativa, que non poderá ser inferior a un mes desde a data de presentación da solicitude.
As accións formativas deberán comezar no prazo máximo de tres meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.
A data límite para o remate das accións formativas da primeira convocatoria será o 31 de marzo de 2027.

AXUDAS DESTINADAS Á CREACIÓN E/OU FUNCIONAMENTO DE GABINETES TÉCNICOS EN MATERIA DE IGUALDADE LABORAL E DE OPORTUNIDADES E CONTRA A FENDA SALARIAL, 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026, tramitada por anticipado de gasto (código de procedemento TR807J).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 da concesión de subvencións, por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de subvencionar a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial (código de procedemento TR807J).

Entidades beneficiarias
As asociacións empresariais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 2 de agosto, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
As organizacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

CERTAME COOPERATIVISMO NO ENSINO E OS PREMIOS Á COOPERACIÓN 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino e os premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR802O e TR802Q).

Obxecto e finalidade
Fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, entre o alumnado dos centros educativos de Galicia, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas realizan para o desenvolvemento cooperativo na Comunidade Autónoma Galega, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
Establécense os seguintes programas de axudas:
Programa I. Certame Cooperativismo no ensino dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia (código de procedemento TR802O).
Programa II. Premios á Cooperación (código de procedemento TR802Q).

Persoas e entidades beneficiarias
Poderanse acoller aos premios recollidos nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos no correspondente programa de axudas:
a) Os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial para os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos no programa I.
b) As cooperativas galegas que estén ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo as modalidades e nos termos previstos no programa II.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2026.

Outros datos
Os importes dos premios correspondentes ás modalidades de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas serán aboados aos centros de ensino, que os deberán destinar á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á realización dunha actividade formativa, deportiva ou cultural dirixida ao alumnado do centro. Na modalidade de actividades cooperativizadas o centro poderá optar por destinar a totalidade ou parte do premio acadado á posta en marcha de proxectos emprendedores cooperativos no propio centro educativo co obxecto de que podan entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Os importes dos premios correspondentes á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán aboados ás persoas autoras do proxecto.

AXUDAS ENCAMIÑADAS Á MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA E DIXITAL NAS ESTACIÓNS DE SERVIZO DE ÁMBITO RURAL DE GALICIA E ACTUACIÓNS DE MELLORA DA SÚA SEGURIDADE 2026

 Consellería de Economía e Industria

ORDE do 9 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento IN519F).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a realización de actuacións de modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, para o ano 2026, promovendo a mellora da eficiencia operativa, o acceso a servizos financeiros por parte da poboación e o desenvolvemento económico mediante a incorporación de tecnoloxías innovadoras.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nas bases reguladoras, as pemes legalmente constituídas e os empresarios autónomos, titulares de estacións de servizo que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde para a modernización tecnolóxica e dixital das estacións de servizo sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:
a) As estacións de servizo deben estar situadas nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia de ata 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou ben naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren situadas en concellos de máis de 20.000 habitantes.
b) Que a empresa figure de alta na clase 47.30, Comercio polo miúdo de combustible para automóbiles, do Real decreto 10/2025, do 14 de xaneiro, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2025 (CNAE-2025).
c) Ter como mínimo unha persoa empregada contratada por conta allea asignada á estación de servizo para a cal se solicita a axuda. Para as estacións de servizo situadas en concellos cunha poboación inferior a 2.000 habitantes, será suficiente con ter unha persoa empregada contratada por conta allea asignada á estación de servizo para a cal se solicita a axuda ou que a persoa titular sexa un empresario autónomo. Os contratos asinados coas persoas empregadas poderán ser indefinidos, fixos descontinuos ou combinacións equivalentes de xornada, sempre que na estación de servizo se garanta unha presenza mínima equivalente a 20 horas semanais de atención efectiva vinculada ao funcionamento ordinario da instalación.
d) Que a estación de servizo figure inscrita no Rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos.
Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contía
Importe total da convocatoria: 800.000 euros.
Intensidade das axudas: 50 % do importe total do custo elixible da actuación e cun máximo de 30.000 euros por solicitude. Para aquelas actuacións de tipoloxía e.2), de acordo coa clasificación establecida no artigo 3.1 das bases reguladoras, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total do custo elixible das actuacións desa tipoloxía cun máximo de 5.000 euros por solicitude, sempre que se respecte o máximo de 30.000 euros establecido para o conxunto da subvención. Para aquelas actuacións de tipoloxía f), a intensidade das axudas será dun 90 % do importe total do custo elixible das actuacións desa tipoloxía cun máximo de 1.500 euros por solicitude, sempre que se respecte o máximo de 30.000 euros establecido para o conxunto da subvención.

Prazo de presentación de solicitudes
Será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

PRIMEIRA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA FOMENTAR A SUSTENTABILIDADE DOS ESTABLECEMENTOS EXPENDEDORES DE COMIDAS E BEBIDAS NO LITORAL DE GALICIA 2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia, e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (código de procedemento MT975Z).

Obxecto e período subvencionable
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública, para o ano 2026, da concesión de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas vinculados ao servizo do uso e desfrute do dominio público marítimo terrestre, debidamente autorizados no litoral de Galicia (código de procedemento MT975Z).
A súa finalidade é colaborar para que os ditos establecementos evolucionen cara a instalacións sustentables e adaptadas ás contornas naturais en que desenvolven a súa actividade.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o día de publicación desta convocatoria no DOG e o 31 de outubro de 2026, ambos incluídos.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia de Seguridade Social ou nunha mutualidade de colexio profesional.
b) As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e as comunidades de bens.

Proxectos subvencionables
1. Serán subvencionables os proxectos que se inclúan nas seguintes actuacións:
Liña 1. Axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas («chiringuitos»).
Serán subvencionables as seguintes actuacións:
a) Instalación de cerramentos compatibles coa lexislación sectorial de costas, solos, paneis e estruturas realizadas con materiais de baixo impacto ambiental, reutilizables ou con certificación ecolóxica.
b) Adquisición de mobiliario sustentable: adquisición de mesas, cadeiras, barras e demais elementos fabricados con materiais reciclados, reciclables, biodegradables ou procedentes de madeira certificada de xestión forestal sustentable.
c) Instalación de elementos de sombreado e protección solar compatibles coa lexislación sectorial de costas: toldos, pérgolas, antucas ou outros sistemas de sombreado que utilicen tecidos reciclados, naturais ou con tratamentos de eficiencia enerxética que reduzan a radiación e o consumo eléctrico asociado á climatización.
d) Instalación de Iluminación eficiente: incorporación de sistemas de iluminación LED ou de baixo consumo, así como dispositivos de control automático que optimicen o uso enerxético.
e) Xestión de residuos: adquisición de contedores diferenciados para a recollida selectiva de residuos, sistemas de compostaxe ou dispositivos que faciliten a redución de plásticos dun só uso.
f) Equipamento de aforro de auga e enerxía: instalación de billas con temporizador, sistemas de reutilización de augas grises, placas solares ou outros dispositivos que contribúan á eficiencia hídrica e enerxética do establecemento.
g) Accesibilidade e adaptación sustentable: actuacións que melloren a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e que favorezan a integración paisaxística do establecemento.
Liña 2. Proxecto de investimento integral para a adaptación do prototipo dalgún dos tres «chiringuitos» biosustentables premiados no concurso de ideas da Xunta de Galicia.
Para esta actuación será necesario presentar un proxecto de obra que adapte o establecemento ás características dalgún dos tres proxectos premiados no concurso de ideas, coa intervención dun xurado, no nivel de anteproxecto, para o deseño dun prototipo de «chiringuito» biosustentable situado na contorna das praias da Comunidade Autónoma de Galicia (referencia IET-2025-0007), que se pode descargar nas seguintes ligazóns:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=826227&OR=225&ID=801&S=C&lang=gl#consulta-resolucion

Financiamento e contía das axudas
1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse cun crédito total de 1.000.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.541E.770.0, código de proxecto 2025 174, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
2. O importe máximo da subvención será o seguinte, ata o esgotamento do correspondente crédito consignado:
a) Para os proxectos da liña 1: o 50 % do investimento subvencionable aceptado para cada proxecto, co límite máximo de 10.000 euros por proxecto,
b) Para os proxectos da liña 2: o 70 % do investimento subvencionable aceptado para cada proxecto, co límite máximo de 20.000 euros por proxecto.
En ambos os dous casos o investimento subvencionable de acordo co disposto nesta orde deberá ser superior a 1.500 euros.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir das 12.00 horas do 7º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Z).

jueves, 22 de enero de 2026

XORNADA FORMACIÓN: DIXITALIZACIÓN NAS COOPERATIVAS VITIVINÍCOLAS





PROGRAMA ESCOLAS ABERTAS PARA ENTIDADES GALEGAS NO EXTERIOR 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR923E).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa Escolas Abertas, dirixido ás persoas que están a tomar a remuda nos cargos directivos nas entidades galegas do exterior ou son susceptibles de facelo, e ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, da confección de traxes tradicionais galegos para a entidade, ou responsables da cociña nas ditas entidades (código de procedemento PR923E).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2026.

Entidades beneficiarias e requisitos
1. Programa Escolas Abertas para promover a cualificación do persoal docente de actividades de cultura tradicional galega ou da confección de traxes tradicionais galegos.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estas modalidades do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter escolas constituídas ou grupos consolidados da especialidade solicitada que acrediten unha actividade continuada.
b) Ter grupos constituídos nos últimos dez anos e estar no seu proceso de recuperación, no suposto de non cumprir o requisito establecido na letra a).
c) Ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, no suposto de solicitar participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego.
As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e estar impartindo docencia ou, no suposto de actividades de cultura tradicional galega, formar parte do grupo de baile ou música da entidade e comprometerse a apoiar o labor docente na especialidade que corresponda durante un mínimo de dous anos. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.
2. Programa Escolas Abertas para persoal responsable da cociña.
Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade que conten cun servizo de cociña ou comedor que ofreza menús elaborados.
As persoas propostas deben estar traballando na cociña ou comedor da entidade galega solicitante, ben os xestionen directamente ben os teñan arrendados ou cedidos a unha terceira persoa, e ter unha experiencia superior a un ano desde a data de publicación da convocatoria.
3. Programa Escolas Abertas para promover a cualificación no desempeño de cargos directivos.
Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade.
As persoas propostas deberán ter unha idade comprendida entre os 18 e 49 anos e reunir unha das seguintes condicións:
a) Formar parte da xunta directiva da entidade, polo menos, durante un ano desde a data do remate do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ser socio/a da entidade cunha antigüidade mínima dun (1) ano contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e comprometerse a apoiar a súa xestión durante dous (2) anos, ben sexa como parte da xunta directiva, ben como persoal voluntario colaborador.
4. Non poderán ser beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As entidades só poderán solicitar unha candidatura por modalidade, segundo o modelo normalizado do anexo II (ficha da persoa proposta). Así mesmo, non poderán propoñer a participación no programa de persoas sen nacionalidade española ou que xa participasen nel, en calquera das modalidades convocadas, máis de dúas veces nas últimas catro convocatorias do programa. De ser así, quedarán excluídas.
6. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN (EI) E ÁS SÚAS ENTIDADES PROMOTORAS 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR356A e TR356C).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social, mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos seguintes programas:
Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou en situación de exclusión social (código de procedemento TR356A).
Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356C).

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción e as empresas de inserción inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción de Galicia de acordo co disposto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para este tipo de axudas.
2. Neste sentido, será válida a cualificación provisional. Con todo, se no momento da xustificación e/ou o pagamento, a cualificación provisional quedase sen efecto e a entidade non obtivese a cualificación definitiva, procederá a revogación das subvencións concedidas, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia do interese de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas, ata o 30 de setembro de 2026, ás 20.00 horas.

Procedemento de concesión e período subvencionable
O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.
O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2025, ata o 30 de setembro de 2026.

SUBVENCIÓNS PARA A PARTICIPACIÓN DE PERSOAS ESCRITORAS, ILUSTRADORAS, TRADUTORAS E EDITORAS NAS ACTIVIDADES QUE SE CELEBREN NO SECTOR DO LIBRO 2026

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT221A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e, maioritariamente, no ámbito da Comunidade Autónoma galega facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2026, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro.
2. As actividades obxecto de subvención son: feiras, festivais, seminarios, encontros obradoiros e eventos de similar natureza, agás as estadías creativas e residencias creativas e literarias.
Enténdese por evento, calquera actividade cuxo contido inclúa a transmisión de coñecementos, contactos e intercambio entre profesionais e expertos nos sectores da creación literaria, tradución, ilustración e edición.
3. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2026.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomos ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos:
1.a) Acreditar que a/s actividade/s solicitada/s está/n directamente relacionada/s coa súa traxectoria profesional (escritor/a, ilustrador/a, tradutor/a ou editor/a) desde a que participa nesta orde, e a previsión de como a/s dita/s actividade/s van repercutir nela. Deberase cubrir unha memoria xustificativa incluída no formulario da solicitude.
1.b)Terse inscrito, asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
1.c) Acreditar o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega mediante a publicación de obra literaria en Galicia nos seguintes xéneros: narrativa, poesía, ensaio, cómic, teatro ou literatura infantil e xuvenil. Polo menos deberá terse publicado dúas obras, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente orde e computados desde a data de entrada da solicitude de inscrición no rexistro do Depósito Legal.
2. As persoas xurídicas deben acreditar, a maiores, o seguinte:
2.1. A condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2026, no epígrafe 476.1 edición de libros ou 774 tradutores e intérpretes do imposto de actividades económicas, de acordo co establecido na presente orde.
2.2. Ter publicado un mínimo de tres obras ao ano, nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta orde. Para estes efectos, terase en conta que a data do rexistro do depósito legal estea comprendido no dito prazo.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 26 de xaneiro de 2026, e rematará ás 20.00 horas do día 26 de febreiro de 2026, ambos incluídos.
2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.