viernes, 12 de diciembre de 2025

AMPLIACIÓN ORZAMENTARIA DO PROGRAMA BONO ALUGUEIRO MOCIDADE 2025

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 18 de febreiro de 2025, pola que se procede á convocatoria do programa Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).


REAXUSTE DE ANUALIDADES DAS SUBVENCIÓNS A PROXECTOS TRACTORES DA ENOGASTRONOMÍA DE GALICIA 2024

 Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2025 pola que se reaxustan as anualidades previstas na Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J).


AMPLIACIÓN ORZAMENTARIA DE SUBVENCIÓNS PARA PROMOVER O AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA DAS PERSOAS EMIGRANTES GALEGAS RETORNADAS 2025

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 3 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR937A).

jueves, 11 de diciembre de 2025

NORMAS DOS SORTEOS E DA VENDA DE PERMISOS DE PESCA EN COUTOS PARA A TEMPADA 2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2026 (códigos de procedemento MT807B e MT807C).

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS ADAPTADOS A PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA (EUROTAXI), VEHICULOS TAXI DE EMISIÓNS CERO E VEHÍCULOS TAXI ECO, 2026

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio de 2026 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo Eco.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento IF303A). Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:
a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 28 de abril de 2025 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (30 de outubro de 2026). Porén, esta data límite do 30 de outubro para xustificar só lles será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 30 de xuño do 2026, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
b) Para a liña Eurotaxi poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos:
• Os vehículos que xa foran adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, polo menos, cinco (5) anos, desde a data da presentación da solicitude da axuda ou, no suposto de non estaren adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición.
• Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e a data límite establecida na orde para xustificar a axuda.
A data límite será o 30 de outubro de 2026, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 30 de xuño de 2026, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
Os solicitantes non poderán ter sido persoas beneficiarias dunha axuda análoga da Xunta de Galicia nos termos indicados no artigo 4.2.c).
3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.
Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:
a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.
b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.
c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que a mesma persoa interesada acadase a condición de persoa beneficiaria con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia desde o ano 2020, este incluído, para a mesma autorización VT-N, segundo os seguintes criterios:
– As que obtiveran a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi de cero emisións non poderán obtela para a mesma liña nin para a liña de taxi eco. Do mesmo xeito, as que obtiveran a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi eco non poderán obtela para a mesma liña nin para a liña para taxi de cero emisións. Non obstante, en ambos os casos, sen prexuízo das obrigas de reintegro que puidesen proceder pola subvención outorgada con anterioridade, poderán ser persoas beneficiarias da liña para taxi adaptado (Eurotaxi).
– As que obtiveran a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi adaptado (Eurotaxi) non poderán obter esa condición para ningunha das tres liñas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2026 ás 20.00 horas.

Outros datos
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Este modelo irá ademais xunto coa documentación relacionada no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico.

miércoles, 10 de diciembre de 2025

XORNADA DIXITALIZACIÓN NAS COOPERATIVAS HORTÍCOLAS




Xornada DIXITALIZACIÓN NAS COOPERATIVAS HORTÍCOLAS o vindeiro 16 de decembro (martes), en formato ONLINE, coa finalidade de abordar as diferentes vertentes da dixitalización nas producións de horta. Achego programa.

 

Nesta xornada coñeceremos as tecnoloxías avanzadas clave no sector de horta: automatización e robótica, sensores e internet das cousas, redes de comunicación, intelixencia artificial e big data, drons e sistemas de observación satelital, sistemas de información xeográfica, ciberseguridade e blockchain, realidade estendida e integración e aproveitamento da información. Aproveitaremos para presentar lista de servizos que poden recibir as cooperativas gandeiras en relación á dixitalización e implementación de tecnoloxías avanzadas a través dos Digital Innovation Hub (Centro de Innovación Dixital).

 

Para poder asistir e participar na Xornada DIXITALIZACIÓN NAS COOPERATIVAS HORTÍCOLAS é preciso inscribirse previamente, para acceder á conexión deben inscribirse aquí: https://agaca.coop/gl/dixitalizacion-nas-cooperativas-horticolas/ Procedan a inscribirse no formulario que aparece nesta páxina para recibir o enlace á videoconferencia e poder participar. Pregamos non se esquezan de inscribirse se desexan participar. Acceso directo á inscrición: https://us06web.zoom.us/meeting/register/iIajYqvwRgeyDBP-5AOnIw#/registration




 

SUBVEBCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS DE PROGRAMACIÓN MUSICAL EN SALAS PRIVADAS 2026

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas e a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT302D).

Finalidade
Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas (código de procedemento C302D).

Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que promovan servizos no ámbito da música en vivo, incluídos promotores, mánagers e axentes, así como empresas de organización de eventos musicais, sempre que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2ª MODIFICACIÓN DO ACORDO DO CONSELLO DE DIRECCIÓN POLO QUE SE APROBAN AS AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE OPERACIÓNS EN APOIO DE TERCEIRAS PERSOAS QUE SE TRAMITEN AO ABEIRO DA INTERVENCIÓN LEADER

 Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2025 da segunda modificación do Acordo do Consello de Dirección, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L).

ESGOTAMENTO DO CRÉDITO DO BONO EMANCÍPATE 2025

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT501B).

jueves, 4 de diciembre de 2025

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO COMPLEMENTARIA DO PERSOAL TÉCNICO, DE XESTIÓN

 Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2025 pola que se publica a oferta de emprego público complementaria do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2025.

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público complementaria
Publicar a oferta de emprego público complementaria do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2025.

Segundo. Determinación da oferta complementaria de emprego público
O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 120 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2025.

Disposición adicional única. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores
Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas de persoal funcionario da Universidade de Santiago de Compostela, relacionadas no anexo da presente oferta, xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2023 e 2024 que estean pendentes de convocar.


REDISTRIBUCIÓN DE CRÉDITOS ORZAMENTARIOS DOS PROGRAMAS DE AXUDAS ÁS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS 2025

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se publica a redistribución dos créditos orzamentarios recollidos na Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R).

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DE PERSOAL FUNCIONARIO E LABORAL DA ADMINISTRACIÓN XERAL E DAS ENTIDADES INSTRUMENTAIS DO SECTOR PÚBLICO AUTONÓMICO DE GALICIA 2025

 Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 109/2025, do 1 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.


Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público
De conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; no artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro; no artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, así como no artigo 12 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e categorías de persoal laboral para o ano 2025, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público
1. O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo á taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2025.
2. O anexo II recolle as prazas que se ofertan de promoción interna, cuxos procesos selectivos se realizarán en convocatorias independentes das ordinarias de novo ingreso.
3. O anexo III recolle as prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

miércoles, 3 de diciembre de 2025

AXUDAS PARA FOMENTAR A ADOPCIÓN DE ANIMAIS DOMÉSTICOS DE COMPAÑÍA ABANDONADOS ACOLLIDOS NOS CENTROS DE RECOLLIDA AUTORIZADOS DE GALICIA 2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan axudas para o ano 2026 (código de procedemento MT811C).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MT811C).

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía abandonado que proveña dalgún dos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de cumprirse con respecto ao animal obxecto de adopción os requisitos establecidos no artigo 24.2 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 11 de setembro de 2026.

Outros datos
Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde os custos derivados da identificación, esterilización, desparasitación e vacinación, segundo proceda, que o propio centro de recollida ou un centro veterinario colaborador deste poida repercutir sobre quen adopte un animal doméstico de compañía abandonado acollido nun dos centros de recollida autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 ata o 31 de agosto de 2026, ambos incluídos.

AXUDAS PARA A PROTECCIÓN DOS ANIMAIS DOMÉSTICOS DE COMPAÑÍA ABANDONADOS EN GALICIA 2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2026 destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (código de procedemento MT811B).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e ao coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, á realización de campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados e a adquisición de material para a xestión e o manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2026 destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (procedemento MT811B).

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e a Defensa dos Animais de Compañía con anterioridade á data de publicación desta orde.
Para poder seren beneficiarias das axudas para os gastos subvencionables recollidos nas letras a) e c) do artigo 2.1 deberán ser titulares ou xestoras dun centro de recollida autorizado e inscrito no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 11 de setembro de 2026.

Outros datos
As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026.

martes, 2 de diciembre de 2025

AXUDAS PARA PALIAR OS DANOS PRODUCIDOS POLO XABARIL NOS CULTIVOS AGRÍCOLAS 2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 21 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT809E).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código do procedemento MT809E).

Entidades beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas:
a) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias de autoconsumo onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.

Prazo de presentación de solicitudes
Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:
a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2025 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o dano do xeito e no prazo previsto na Orde do 3 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2025.
b) Para os danos comunicados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012, de acordo co establecido no artigo 6 desta orde.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

AXUDAS PARA AS PERSOAS TITULARES DE TERREOS CINEXÉTICOS ORDENADOS DESTINADOS AO FOMENTO DA RIQUEZA E XESTIÓN DOS RECURSOS CINEXÉTICOS 2026

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT723A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas destinadas ás persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (código de procedemento MT723A).

Entidades beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas tanto as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso, os terreos cinexéticos deberán ser estremeiros e estaren situados nunha mesma provincia. Para cada Tecor só será admisible unha única solicitude.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

AXUDAS PARA PALIAR OS DANOS OCASIONADOS POLO OSO PARDO 2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo e se convocan axudas para o ano 2026 (código de procedemento MT815A).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a compensar as persoas titulares de explotacións gandeiras polos danos ocasionados polo oso pardo, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MT815A).

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:
a) Para os danos que fosen comunicados aos servizos de Patrimonio Natural dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático entre o 1 de outubro de 2025 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
b) Para os danos ocasionados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano realizado de acordo co establecido no artigo 5 desta orde.

Outros datos
As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos ocasionados polo oso pardo que se produzan desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026.

SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DE ARTES ESCÉNICAS 2026

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT213A).

Finalidade
Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2026.

Persoas beneficiarias
1. Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.
2. Poderán acceder a esta convocatoria as entidades locais galegas. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.
3. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberase acreditar que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
4. Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS PARA A CONSERVACIÓN, PROTECCIÓN E MELLORA DAS ÁRBORES E FORMACIÓNS INCLUÍDAS NO CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS, 2026

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, e se convocan axudas para o ano 2026 (código de procedemento MT804C).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras regulado polo Decreto 67/2007, do 22 de marzo, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MT804C).

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, distintas das entidades locais, ou entidades sen personalidade xurídica, propietarias de elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras na data de publicación desta orde.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde.

Outros datos
As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen realizados desde a certificación de non inicio ata o 15 de outubro de 2026.